A Brilat desinfecta centros de maiores en Cerdedo e Protección Civil encárgase dos espazos públicos do municipio

Cerdedo-Cotobade
14 de abril 2020

O Concello de Cerdedo-Cotobade manterá o operativo especial de limpeza en zonas de tránsito de peóns mentres o estado de alarma estea vixente

Militares da Brilat desinfectan os centros da terceira idade de Cerdedo Concello de Cerdedo Cotobade

A limpeza de espazos públicos continúa sendo unha prioridade no termo municipal de Cerdedo-Cotobade. Esta semana os labores de desinfección céntranse na residencia da tercerda idade e o centro de día de Cerdedo, así como na contorna dos comercios que manteñen as súas portas abertas durante o estado de alarma.

Os militares da Brilat, nun operativo enmarcado na operación Balmis, encargáronse da limpeza dos centros de asistencia a persoas maiores de Cerdedo, mentres que os voluntarios de Protección Civil ocupáronse da desinfección do espazos de elevada afluencia como supermercados, farmacias, estancos, tendas, gasolineiras ou centros de saúde.

O alcalde do municipio, Jorge Cubela, quixo agradecer a presenza da Brilat e destacou o esforzo que están a soportar os traballadores do Concello para realizar unha desinfección constante. Así mesmo, confirmou que este tipo de actuacións seguiranse realizando de forma periódica mentres se manteña vixente o estado de alarma.