A Brilat converte o parque empresarial de Nantes nun improvisado campo de adestramento

Sanxenxo
25 de marzo 2021

Unha área afeita a acoller actividades económicas converteuse este xoves nun improvisado campo de manobras militares. Trátase do parque empresarial de Nantes, que utilizou a Brilat para realizar unha serie de traballos de adestramento

Adestramento da Brilat no parque empresarial de Nantes Concello de Sanxenxo

Unha área afeita a acoller actividades económicas converteuse este xoves nun improvisado campo de manobras militares. Trátase do parque empresarial de Nantes, que utilizou a Brilat para realizar unha serie de traballos de adestramento.

Seis das parcelas do parque foron habilitadas para o grupo loxístico da brigada pontevedresa, que usaron este espazo para levantar un centro de entrega avanzado formado por un centenar de militares e vinte vehículos.

Este adestramento tiña como obxectivo simular unha misión na que proporcionar o apoio loxístico que necesita o resto da brigada formada por unidades de infantería, artillería, cabalería e enxeñeiros.

Os equipos despregados nas distintas parcelas encargáronse do apoio loxístico, entre eles o abastecemento de todo tipo de recursos como auga, alimentos, munición ou carburante.

Ademais, abordouse o mantemento con equipos móbiles de talleres para vehículos, armamento ou material de comunicación, o transporte con vehículos especiais para medios e persoal ou a recuperación de vehículos avariados.

Tamén se probaron os rescates con ambulancia e cos medios necesarios para atender a un ferido.