A "boa sintonía" entre Concello e Deputación chega ao patrocinio de actividades culturais

Pontevedra
23 de outubro 2018

Un día despois da súa reunión con Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Pontevedra mostrou a boa relación que mantén tamén coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, coa que Miguel Anxo Fernández Lores asinou un novo convenio para destinar case 472.000 euros ao patrocinio de actividades artísticas e culturais na cidade

Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva no Concello de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

Un día despois da súa reunión con Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Pontevedra mostrou a boa relación que mantén tamén coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, coa que Miguel Anxo Fernández Lores asinou un novo convenio para destinar case 472.000 euros ao patrocinio de actividades artísticas e culturais na cidade.

Este convenio, que ten carácter bianual, permitirá financiar iniciativas como os festivais Surfing the Lérez e Novos Cinemas, programas como Sete Falares, Paseantes, Itineranta ou Experimenta e Acción, actividades como a Aña Urbana ou a Festa dos Libros e novas iniciativas como Cabos Soltos ou a exposición Pontevedra, unha cidade do século XXI.

Fernández Lores asegurou estar "orgulloso" dunha relación que beneficia "de forma clara" aos cidadáns de Pontevedra, respectando que sexa o goberno municipal o que decide onde se invisten os fondos que transfire a Deputación.

Para completar o mandato, dixo, avanzarase en novos acordos bilaterais para executar os novos viarios perimetrais ao hospital de Montecelo e para despregar os máis de 8.000 composteiros individuais que se repartirán por todo o rural pontevedrés.

A presidenta provincial, pola súa banda, quixo resaltar que co alcalde de Pontevedra "todo é moi fácil", ao apreciar a súa "empatía" e a súa "facilidade" para chegar a acordos, destacando a "boa sintonía" que existe entre ambos.

Esta relación permitiu, lembrou Silva, a firma de convenios para abordar, entre outras actuacións, o saneamento do Gafos, os campos de fútbol de Ponte Sampaio, Salcedo ou Campañó, os novos accesos a Monte Porreiro e Príncipe Felipe, o centro social do Burgo, a Rolda Leste ou a mellora de diversas estradas.

A eles súmase agora este acordo para financiar estas actividades artísticas nunha cidade, dixo Silva, que é unha "referencia" na promoción cultural; ou a colaboración en eventos deportivos que se celebrarán en 2019 como o Mundial júnior de balonmán ou o Festival Multideporte de tríatlon, que traerá a Pontevedra cinco mundiais desta disciplina.