A biblioteca da Lama amplía a súa oferta bibliográfica

A Lama
27 de novembro 2020

O criterio seguido polos responsables da axencia de lectura da Lama foi aportar títulos relacionados co que máis demandan os usuarios da biblioteca, neste caso literatura infantil e xuvenil, así como traballos publicados sobre aspectos biográficos ou etnográficos relacionados coa comarca do Verdugo-Oitavén ou de concellos limítrofes ou próximos

Novos libros na biblioteca da Lama Concello de A Lama

Dúas achegas da Xunta permitiron que a biblioteca municipal da Lama amplíe os seus fondos bibliográficos e a súa oferta para os usuarios. Foi un investimento de case 1.500 euros.

O criterio seguido polos responsables da axencia de lectura da Lama foi aportar títulos relacionados co que máis demandan os usuarios da biblioteca, neste caso literatura infantil e xuvenil, así como traballos publicados sobre aspectos biográficos ou etnográficos relacionados coa comarca do Verdugo-Oitavén ou de concellos limítrofes ou próximos.

Así entre o grande número de volumes de recente adquisición están libros como Lumier de Nós, de Francisco Rozados sobre o cineasta galego con raíces en Ponte Caldelas, Chano Piñeiro.

Tamén hai unha publicación sobre María Vinyals (A muller do porvir), de Diego Piay Augusto, así como outras publicacións de carácter historicista ou etnográfico como Simboloxía Máxica en Galicia, de Bieito Romero ou Servir era o pan do demo, Historia da vida cotiá en Galicia, séculos XIX e XX, de Xavier Castro.

O edil de Cultura, Daniel Vidal, explicou que a intención era manter a biblioteca surtida de novidades editoriais "para que a nosa oferta estea o máis actualizada posible atendendo a demanda dos usuarios" e tamén procurando achegar a máis lectores á biblioteca.