A Batalla de Flores que se celebrará este venres 19 de agosto polas rúas do centro ten todo o seu dispositivo preparado, incluido un operativo especial de tráfico deseñado pola Policía Local de Pontevedra para permitir que as nove carrozas poidan percorrer a cidade sen incidencias e tentar minimizar a súa incidencia na circulación rodada da cidade.
O desfile partirá ás 19.00 horas da rúa Loureiro Crespo, no cruzamento coas rúas José Malvar e 12 de Novembro. Desde alí dirixirase cara a Benito Corbal para pasar tamén por Cobian Roffignac e Padre Amoedo e terminar a beiras do río.
Na tarde do venres, a Policía Local procederá ao corte de tráfico de Xosé Malvar (tramo entre a rotonda de Valdecorvos e Loureiro Crespo), Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo e xa desde primeira hora da mañá haberá restricións de estacionamento. No lugar de concentración das carrozas en Xosé Malvar estará xa prohibido a partir das 17.00 horas e no resto do percorrido a partir das 18.30 horas.
Tamén se pecharán ao tráfico todas a rúas adxacentes de Loureiro Crespo, Benito Corbal e Cobian Roffignac. Tanto os cortes de tráfico como á apertura farase progresivamente, a medida que vaian pasando as carrozas.
A partir das 08.00 horas prohíbese o estacionamento na rúa Xosé Malvar (tramo da rotonda de Valdecorvos a Loureiro Crespo); a partir das 14.00 horas nas rúas Doutor Loureiro Crespo e Benito Corbal; e a partir das 16.30 horas en Cobian Roffignac e Padre Amoedo.
A Policía Local propón alternativas á circulación para os condutores. O tráfico procedente de avenida de Lugo en dirección ao centro da cidade recoméndase que se desvíe por Xoan Carlos I, San Mauro ou Ernesto Caballero cara a Valdecorvos e a avenida de Lugo.
O tráfico procedente da ponte dos Tirantes cara a Xosé Malvar será desviado por a urbanización Valdecorvos e o procedente de Eduardo Pondal cara a 12 de Novembro será desviado por Joaquín Costa. Ademais, a Policía aconsella a utilización da AP-9 como alternativa ao tráfico de entrada e saída da cidade.