A bandeira xitana ondea por primeira vez en Pontevedra: "Es un día histórico para nosotros"

Pontevedra
08 de abril 2017

Case un millar de xitanos viven en Pontevedra. Todos eles están hoxe de parabéns. Por primeira vez, con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, a súa bandeira ondea na antiga casa consistorial da Praza de España

Bandeira xitana no balcón do Concello PontevedraViva

Case un millar de xitanos viven en Pontevedra. Todos eles están hoxe de parabéns. Por primeira vez, con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano, a súa bandeira ondea na antiga casa consistorial da Praza de España.

A bandeira azul e verde -que representa o ceo e a terra- coa roda de dezaseis radios en cor vermella, como símbolo da súa tradición nómade, foi pendurada do balcón nun acto simbólico que protagonizaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, e representantes da Fundación Secretariado Xitano.

Deste xeito, o Concello de Pontevedra súmase a unha xornada que ten como fin visibilizar a realidade do pobo xitano e a súa cultura e denunciar as situacións de discriminación que enfrontan a cotío, a pesar da súa diversidade e pluralidade.

"Es un día histórico para los gitanos de Pontevedra", sinalaron Rebeca e Miguel Flórez, representantes da fundación, que coincidiron coa súa xente -todos eles visiblemente emocionados- á hora de sinalar que "nos sentimos más pontevedreses que nunca". 

Ambos destacaron a importancia que ten este xesto "para la igualdad, el respeto, el reconocimiento y los derechos" do pobo xitano que vive en Pontevedra, principalmente no barrio de Monte Porreiro. 

Dende a Fundación Secretariado Xitano traballan para combater a discriminación e a prol da integración, tendo na educación e formación dos máis novos -actualmente hai 75 menores xitanos escolarizados na cidade- e na inserción laboral os seus principais retos.

"En Pontevedra existe la inclusión por el bien de la comunidad gitana", explicou Rebeca Flórez.

A bandeira é, segundo o alcalde, a visualización de que o Concello "é a casa de todos os pontevedreses", sexa cal sexa a súa raza, a súa clase social ou a súa condición sexual.