A Audiencia rexeita realizar unha nova proba psiquiátrica ao presunto parricida de Moraña

Umia
31 de xaneiro 2017
Actualizado: 23:00

David Oubel compareceu este martes por videoconferencia ante o Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis desde o cárcere de Mansilla de las Mulas, en León. Non quixo declarar e asistiu calado ás intervencións dos avogados das partes na vista preliminar que precede ao auto de apertura de xuízo oral

Alejandro Pazos, fiscal do caso do crime de Moraña Mónica Patxot

A Audiencia de Pontevedra pechou o paso ás peticións do avogado defensor do presunto autor do dobre parricidio das súas fillas de 4 e 9 anos en Moraña, David Oubel Renedo. Pedira ao xulgado instrutor primeiro e ao tribunal provincial despois que un especialista en Psiquiatría realizase un exame máis exhaustivo do acusado que o que xa realizaron o forenses Instituto de Medicina Legal de León e Zamora, pero o seu recurso acaba de ser rexeitado. 

Oubel compareceu este martes por videoconferencia ante o Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis desde o cárcere de Mansilla de las Mulas de León nunha vista convocada para trasladarlle a el e á súa defensa as acusacións que formulan contra el de forma preliminar ao auto de apertura de xuízo oral. El, como xa era previsible, non quixo declarar e asistiu calado ás intervencións dos avogados das partes. Ao remate da audiencia, o fiscal do caso, Alejandro Pazos, confirmou que ese recurso foi rexeitado. 

Este recurso da defensa chegou a considerarse un escollo para que o procedemento xudicial avance e chegue a xuízo polo tribunal de xurado, pero finalmente non será así, pois a Audiencia resolveuno e xa non hai ningún impedimiento para que todo siga a súa canle. Tras a vista deste martes, queda esperar que o xulgado instrutor dite un auto de apertura de xuízo oral, todo sexa derivado á Audiencia, onde se xulgará, e comece a constitución do xurado que se encargará do caso. O fiscal confía en que non se demore en exceso e antes do verán se celebre a vista oral. 

En relación co informe psquiátrico solicitado, tanto o o xulgado instrutor como a Audiencia entenderon que a pericial realizada polos forenses de Zamora e León -posto que el está en prisión provisional nesta última provincia- é suficiente. Segundo o fiscal, ese informe "hace una valoración razonada y suficiente sobre las condiciones psíquicas del acusado" e conclúe que "es perfectamente imputable" e "no hay ningún indicio de que estuviese afectado en su imputabilidad en el momento de los hechos y mucho menos ahora". Dado que xa existe esa análise, non ven necesario realizar outro. 

A vista preliminar deste martes serviu para que a acusación particular, a Fiscalía e a defensa ratifiquen as súas peticións nesta causa. O fiscal confirmou que el volveu e pedir que se lle aplique a David Oubel a prisión permanente revisable, converténdoo no primeiro caso en España o que se aplicaría esta condena recollida na última reforma do Código Penal. Ademais, este martes trascendeu que o avogado da acusación particular tamén pide que sexa condenado á pena de prisión permanente revisable

Respecto diso, aclarou que "legalmente es lo que procede", pois atribúenselle dous asasinatos nos que as vítimas son dous menores de 16 anos e"el Código Penal lo dice claramente: cuando son menores de 16 años, se tiene que aplicar la prisión permanente revisable". Ademais, aclarou que "es indiscutible" que os feitos para xulgar son asasinatos, pois concorre a circunstancia de aleivosía

O fiscal conclúe no seu escrito que o 31 de xullo de 2015 Oubel matou as súas fillas con crueldade utilizando unha radial e, antes de facelo, drogounas "coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou de fuxida das menores" e pide tamén que se lle impoñan a prohibición de aproximarse á súa ex muller e nai das falecidas ou comunicarse con ela por calquera medio -verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático- durante 30 anos. Tamén que sexa condenado a indemnizala con 245.000 euros.

Arquivado en