A Audiencia rexeita o uso de xeorradar no Monte Castrove para buscar a Sonia Iglesias

Pontevedra
30 de maio 2014

O tribunal provincial sinala que "comprende" a "angustia da familia", pero non encontra "motivo ou razón ningunha" para botar por terra a decisión que adoptou o xulgado instrutor en xaneiro ao desestimar varias dilixencias de investigación como foron o radar para buscar restos humanos ou a declaración de novo dos policías que realizaron a investigación da desaparición

Fotografía de Sonia Iglesias Familia de Sonia Iglesias

A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra confirma a decisión do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra que no mes de xaneiro rexeitou o uso de xeorradar no Monte Castrove para buscar posibles restos humanos que se poidan corresponder co cadáver de Sonia Iglesias, desaparecida dende o 18 de agosto de 2010.

A familia de Sonia Iglesias pediu ao xulgado instrutor novas dilixencias no caso aberto para aclarar a desaparición da moza e, entre elas, a prospección mediante xeorradar ou radar de penetración terrestre (GPR) para a detección de restos humanos na zona do Monte Castrove e a declaración de novo ante o xuíz dos funcionarios de Policía encargados da investigación.

Esta petición foi rexeitada polo xulgado xa en xaneiro, a familia Iglesias Eirín recorreuno e un auto da Audiencia Provincial dado a coñecer este venres confirma a decisión da instrutora de non admitir a práctica das dilixencias de investigación interesadas.

A Audiencia sinala que "comprende a angustia da familia", pero non encontra "motivo ou razón ningunha" para botar por terra a decisión do xulgado. Fronte ao recurso da familia, sostén que a decisión de xaneiro se basea en "fundadas razóns pormenorizadamente explicadas" e rexeita o argumento de que careza de fundamento ou sexa "arbitrario, caprichoso ou irrazoable", como sostiña a avogada da acusación.

Ao respecto, considera o tribunal provincial que non se produce ningunha vulneración constitucional e reproduce "na súa integridade" os razoamentos esgrimidos pola xuiza a quo tanto na providencia do 29 de novembro de 2013 como, moi especialmente, no seu auto resolutorio da reforma ditado o día 13 de xaneiro de 2014.

Con esta nova resolución da Audiencia o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra ten agora sobre a mesa a solicitude do avogado defensor de Julio Araújo, parella de Sonia Iglesias cando desapareceu e único imputado pola desaparición, de que se lle retire a imputación.

Arquivado en