A Audiencia ratifica que os terreos de Montecelo son da comunidade de montes

Pontevedra
20 de novembro 2017

Unha nova sentenza xudicial ratifica a titularidade dos terreos nos que se asenta o hospital Montecelo. E, de novo, a razón asiste á comunidade de montes de Mourente

Hospital Montecelo Mónica Patxot

Unha nova sentenza xudicial ratifica a titularidade dos terreos nos que se asenta o hospital Montecelo. E, de novo, a razón asiste á comunidade de montes de Mourente.

A Audiencia Provincial rexeitou o recurso presentado pola Tesourería Xeral da Seguridade Social á sentenza ditada en abril de 2016 polo xulgado de primeira instancia número 4 de Pontevedra.

Este fallo inicial concluía que os terreos eran propiedade comunal, obrigando ao Estado a cancelar a inscrición ao seu nome no rexistro da propiedade.

Os maxistrados da sección terceira ratifican que o hospital ocupa terreos que son "parte integrante e inseparable" do monte comunal de Mourente "desde tempo inmemorial" e recoñecen a nulidade "absoluta ou de pleno dereito" da escritura de cesión gratuíta ou doazón dos terreos, datada o 1971, feita polo Concello de Pontevedra.

A pesar da tese que sostiña a Seguridade Social, a sentenza explica que o uso público das instalacións hospitalarias, construídas e situadas sobre a parcela de monte veciñal, "non alcanza para desvirtuar a conclusión de monte comunal declarada".

Ademais de rexeitar o recurso, a Audiencia impón á Seguridade Social o pago das costas xudiciais de ambas as partes.