A Audiencia deberá repetir o xuízo contra un millonario portugués por tentar matar á súa muller

Pontevedra
25 de outubro 2019

O TSXG anula a sentenza da sección cuarta da Audiencia e ordena a devolución das actuacións para que a  causa volva xulgarse cun novo tribunal. Estima un recurso do condenado no que cuestionaba a imparcialidade obxectiva das maxistradas ao ratificar, en dúas ocasións, a súa prisión provisional 

Carlos Inácio Pinto, no banco dos acusados por tentar asasinar á súa esposa nun hotel de Vigo Mónica Patxot

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga á sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra a repetir o xuízo celebrado a principios desta ano 2019 contra o empresario portugués Carlos  Inácio Pinto, condenado por ese tribunal a once anos e catro meses de prisión como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa por tentar asasinar á súa esposa nun hotel de Vigo golpeándoa reiteradamente cunha maza e tentando asfixiala. 

A Audiencia xulgou ao acusado e condenouno, pero agora a vista oral deberá repetirse por orde da sala do Civil e Penal do TSXG tras revisar e estimar un recurso presentado polo millonario portugués. 

O TSXG anula a sentenza da sección cuarta da Audiencia e ordena a devolución das actuacións para que a causa volva xulgarse. A vista oral será na mesma sección, pero con nova composición do tribunal.

En concreto, o Alto Tribunal galego estima o recurso do condenado no que cuestionaba a imparcialidade obxectiva das maxistradas que integran o tribunal da Audiencia ao ratificar, en dúas ocasións, a súa prisión provisional. 

A sentenza recentemente ditada sostén que as maxistradas entraron en contacto co material de instrución, expresando e valorando o seu contido, polo que considera "xustificadas” as dúbidas sobre a súa imparcialidade obxectiva que expuxo o acusado. 

En concreto, o acusado argumentaba que as maxistradas realizaron unha valoración da culpabilidade e da proba  indiciaria, o que se traduce na súa falta de imparcialidade. O TSXG recolle que o dereito a un Xuíz ou Tribunal imparcial ha de encadrarse sen dúbida no ámbito do dereito a un proceso con todas as garantías que proclaman os artigos 24.2 da Constitución Española, 10 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos do 10 de decembro 1948, 6.1 do Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais do 4 de novembro 1950 e 14.1 do Facto Internacional de Dereitos Civís e Políticos do 19 de decembro 1966. 

A sentenza da Audiencia agora anulada consideraba probado que o acusado pretendía "acabar coa súa vida" cando apareceu "por sorpresa e por detrás" da vítima cando se duchaba no baño e golpeouna "reiteradamente" coa maza na parte traseira da cabeza.

Ademais, segundo os feitos probados da sentenza, tamén a agarrou "con forza" polo pescozo con ambas as mans e deulle golpes coa cabeza contra o chan. A vítima conseguiu abrir a porta e saír da habitación e, unha vez no corredor, foi auxiliada por persoal do hotel que acudira á zona alertado polos berros da muller e os fortes golpes.