A Audiencia condena a 15 anos de cárcere ao arousano Carlos Silla polo alixo do Benirrás

O Salnés
02 de marzo 2024

Na sentenza considérase probado que el estaba á fronte da organización de narcotraficantes. Carlos Silla atópase nunha prisión en Portugal cumprindo outra condena de catorce anos por outro transporte de droga de 5.200 quilos de coca

Xuízo contra nove acusados de tráfico de cocaína Mónica Patxot

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a quince anos de cárcere a Carlos Silla, polo alixo de tres toneladas de cocaína do veleiro Benirrás, que chegou á Ría de Arousa en tres planadoras en marzo do ano 2020, en pleno confinamento pola pandemia da Covid-19.

O tribunal provincial tamén impón a Carlos Silla o pago de dúas multas de 360 millóns de euros cada unha como autor dun delito grave contra a saúde pública. 

Na sentenza considérase probado que el estaba á fronte da organización de narcotraficantes. Carlos Silla atópase nunha prisión en Portugal cumprindo outra condena de catorce anos por outro transporte de droga de 5.200 quilos de coca.

Esta vez, a confesión de Antolín Fernández Pajuelo foi un elemento determinante nesta nova sentenza condenatoria. A admisión da súa participación nesta actividade delituosa supuxo para el unha condena de 6 anos e 3 meses de cárcere, ademais de multas. Igualmente, os outros dous acusados que admitiron a súa autoría, César R.R. e José D.R.S., foron condenados a 6 anos e 3 meses para o primeiro e para o segundo 3 anos e 4 meses. 

Para o resto de procesados: Jorge H. G.R., José O.T.A., Jesús M. V. e Jesús F.A.E., as penas impostas son de 10 anos e 6 meses de prisión e multas.