A Audiencia absolve a Luisa Piñeiro e reduce a condena a Rafael Louzán na causa do campo de fútbol de Moraña

Pontevedra
09 de maio 2022

A Louzán absólveno do delito de fraude á Administración, pero manténselle a condena polo delito de prevaricación, que supón unha inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas durante sete anos

Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, á súa chegada aos xulgados da Parda
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, á súa chegada aos xulgados da Parda / Mónica Patxot

Envorco no resultado xudicial da peza separada da operación Patos relativa ás irregularidades nas obras do campo de fútbol de Moraña. A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza pola que absolve á ex alcaldesa de Moraña e ex delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e reduce a condena ao ex presidente da  Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación  Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenara a ambos a dous anos de prisión e a unha inhabilitación para exercer calquera emprego ou cargo público durante oito anos, Louzán como autor dun delito de prevaricación, en concurso cun delito de fraude, e Luisa Piñeiro como  cooperadora necesaria do delito de prevaricación e autora dun delito de fraude.

Tanto eles como outras seis persoas acusadas nesta mesma causa recorreron a sentenza condenatoria e agora a sección segunda da Audiencia Provincial decidiu estimar parcialmente os seus recursos o que, na práctica tradúcese na absolución de catro deles.

Quedan absoltos Piñeiro; o arquitecto da obra,  J.A. L.O.; o administrador da empresa canalizacións e Construcións Salnés SL, D.G. F.; e o administrador de Construcións Enrique Casas,  M. R.O.. Os dous primeiros foran condenados por fraude e prevaricación e os dous segundos só por fraude. 

Ademais, redúcese a pena dos demais. No caso de Rafael Louzán, absólveno do delito de fraude á Administración polo que fora condenado, pero manténselle a condena polo delito de prevaricación, polo que pasa a impoñérselle unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público relacionado con calquera cargo nas administracións públicas durante sete anos. A pena inicial era de oito. 

Ademais, redúcese a pena do entón director de infraestruturas da  Deputación, Manuel González Juanatey, condenado inicialmente á mesma pena de Louzán e Piñeiro. No seu caso, absólvenlle a fraude e mantéñenlle a súa condena como cooperador necesario dun delito de prevaricación, que implica sete anos de inhabilitación. Xusto a mesma condena que o ex presidente da  Deputación. 

A nova sentenza deixa na mesma situación ao responsable da empresa Eiriña, Enrique Alonso  Pais, e a súa man dereita, Jaime  Alvariñas, tamén absoltos por fraude e inhabilitados sete anos por prevaricación. 

A sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación, baséase en diversos argumentos para revogar o fallo previo. No caso de Piñeiro e do arquitecto da obra, retíranselle todos os cargos ao entender que o procedemento se dirixiu contra ela tras declarar complexa a causa e esa declaración foi fora de prazo. 

"Consideramos que a  expiración do prazo de instrución sen declaración de complexidade dentro de prazo excluíu a posibilidade de dirixir a imputación contra estes investigados", sinalan os maxistrados da Audiencia, que recoñece que houbo unha vulneración do seu dereito fundamental a unha tutela xudicial efectiva sen indefensión debida á infracción do prazo de instrución.

Neste punto, resulta rechamante que ningún dos dous acusados utilizaron este argumento nos seus respectivos recursos de apelación, aínda que si insistiron niso durante o xuízo. En todo caso, si alegaron esta vulneración outros dous procesados, de modo que a Audiencia estimou o recurso e absólveos.

No caso do delito de fraude, a Audiencia absolve a todos os acusados porque "non consta que se cobrou por máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado".

Si considera a Audiencia que houbo prevaricación e que Louzán cometeu irregularidades ao conceder a unha empresa unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, na súa maior parte, executadas.

A Audiencia considera que o entón director de Infraestruturas da  Deputación e o administrador e un empregado de  Eiriña  prevaricaron ao poñerse de acordo "en crear e desenvolver un procedemento administrativo ficticio para que a  Deputación abonase á empresa unhas cantidades que reclamaba por obras realizadas á marxe do proxecto dunha obra subvencionada polo organismo".  

Do mesmo xeito que a xuíza de primeira instancia, a Audiencia considera probado que a construtora á que a  Deputación adxudicara en 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras en edificacións anexas, aumentou o seu custo en 86.816 euros.

Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que, para facer fronte a ese pago, "ideouse un sistema  artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado". Así, en 2013 adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese importe, en concreto, as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas. 

"Prescindiuse absolutamente do procedemento legalmente establecido", subliña o tribunal, quen indica que, con todo, non se acreditou o delito de fraude porque entende que "non existiu prexuízo nin risco de prexuízo para a Administración e tampouco se acreditou nos acusados o dolo ou intención de prexudicar o patrimonio da Administración". Ademais, recalca que tampouco se probou que a actuación dos acusados "fose dirixida a defraudar ao patrimonio da Administración" e destaca que "non consta que se cobrou por máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado".

En canto ao ex presidente da  Deputación, incide en que prevaricou ao votar a favor do acordo de conceder a subvención "ainda que sabía que era ilegal e arbitrario porque respondía a un artificio para, burlando as barreiras da normativa, satisfacer as reclamacións da contratista, infrinxindo o deber de transparencia e non protexendo os dereitos da Administración".