A atención psicolóxica e as consultas xurídicas dispáranse coa pandemia no CIM de Marín

Marín
15 de febreiro 2021

O funcionamento deste departamento, que este luns presentou a súa memoria anual do 2020, viuse afectado polas restricións sanitarias pero seguiu prestando servizo e organizando actividades durante todo o ano

Banco pintado de morado polo CIM de Marín Concello de Marín

O Concello de Marín, a través do Centro de Información á Muller, mantén a loita contra a violencia machista a pesar das restricións impostas pola pandemia da covid-19. Desde este organismo municipal, cuxas profesionais constataron un aumento dos problemas para conciliar vida laboral e familiar, notaron un incremento na atención psicolóxica e na necesidade de axudas asistenciais.

"Tamén tivemos que adaptarnos para poder ofrecer ás usuarias do CIM alternativas dixitais coas que se desenvolvesen ben", explica a responsable Marián Sánchez facendo fincapé na necesidade de reducir tamén neste ámbito a fenda dixital.

A memoria anual do 2020 presentada este luns polo organismo recolle que se realizaron 193 asesoramentos xurídicos, 465 consultas da psicóloga, 174 atencións a vítimas de violencia machista, 19 citas para orientación laboral, 6 casos de asesoramento sobre formación ou actividades e 87 consultas para informar acerca de recursos. 

Ademais, 22 mulleres fixeron uso do servizo do Punto de Intercambio Familiar e 3, do servizo de Fegataxi.

No que respecta a as actividades, a pandemia obrigou a reducilas pero aínda así puideron levar a cabo varias actuacións artísticas, reivindicativas ou de carácter social.