A Asociación Juan XXIII puxo á venda as participacións tradicionais da lotaría de Nadal, que nesta ocasión inclúe un donativo que este colectivo destinará a financiar a construción dunha Residencia en Pontevedra destinada a persoas con discapacidade intelectual.
Estas participacións atópanse á venda no quiosco do Hospital Provincial, nos Centros da Asociación Xoán XXIII situados en Pontevedra e Cangas.
Ademais, este colectivo inaugura o vindeiro xoves 11 de decembro ás 17.30 horas a súa Exposición e Venda de Produtos Artesanais con motivo das datas do Nadal. Estará situado na Sala Amalia Domínguez Búa, na rúa Eduardo Vicente en Bueu, fronte ao Centro Social da vila.
Esta actividade permanecerá aberta entre o 11 e o 16 de decembro en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Alí poderase ver o traballo que realizan as persoas usuarias de Xoán XXIII e os produtos que elaboran as persoas con discapacidade intelectual a través da formación que reciben.