A Asociación de Veciños Castelao quere a Rafa Domínguez como presidente da Deputación

Pontevedra
09 de xuño 2023

O presidente do colectivo veciñal, Juan Manuel Loureiro, compareceu este venres ante os medios de comunicación para analizar todos os temas de actualidade relacionados cos resultados das eleccións municipais e coa nova cita coas urnas do 23 de xullo que estean relacionados con Pontevedra

Juan Manuel Loureiro e Ramón López, dirigentes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao Mónica Patxot

Pasadas as eleccións, é momento de negociacións para configurar novos gobernos, tanto en concellos como en deputacións. Unha época de debate da que os colectivos veciñais non son alleos. En Pontevedra, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao irrompe na poscampaña con esixencias para todos os partidos implicados. Queren que o Partido Popular nomee a Rafa Domínguez presidente da Deputación e que o recado das urnas a Lores "o faga meditar".

Este venres, o presidente do principal colectivo veciñal pontevedrés, Juan Manuel Loureiro, compareceu ante os medios de comunicación para explicar as demandas que a federación exporá non só ao novo goberno municipal, tamén á Deputación, Xunta e Estado.

A principal petición pasa polo nomeamento do próximo dirixente da Deputación Provincial. Conscientes do ascenso do Partido Popular, na capital queren que a formación conservadora premie o bo resultado do seu candidato en Pontevedra e nomee a Rafa Domínguez presidente. "Os datos o avalan máis que a calquera outro", dixo sen citar a outros aspitantes como Marta Fernández Tapias, Luís López, Luísa Piñeiro ou Jorge Cubela. "Desde Rajoy non houbo outro presidente da capital, queremos que o novo presidente sexa alguén do Concello", reivindica Loureiro.

Sobre os compromisos que terá que afrontar o novo goberno provincial, esperan desde a Federación que estea o cumprimento do acordo con Santa Clara. "Se a Deputación non o quere, que renuncie. Senón que invista ou que está comprometido alí", esixen.

Para o novo goberno local tamén teñen peticións. Esixen unha maior implicación coa limpeza en toda a cidade, especialmente no rural. Tamén mostran a súa preocupación coa adxudicación do novo contrato de lixos, que volveu a quedar deserto. A culpa desta falta de interese por parte das empresas achácano desde o colectivo veciñal á planta de compostaxe que o BNG ten proxectada na Canicouva. "Que o repensen", pide Loureiro facendo referencia ao proxecto autonómico dunha planta similar en Baiona e os prexuízos que ocasionaría unha planta así no referente a aumentos de tráfico e custos de mantemento.

Tamén esixen a execución do novo campo de fútbol de Salcedo e a mellora da iluminación do de Marcón.

Ao futuro Goberno central esíxenlle a reforma do nó de bombeiros, completar a A-57 e terminar o paseo a Marín.

Mentres que á Xunta pídenlle que abandone dunha vez por todas as súas instalacións na Xunqueira de Alba para renaturalizar esa zona como está a facer a Deputación e o Concello. 

Neste sentido, piden tamén ao alcalde que faga forza para conseguir que o futuro aparcadoiro de Montecelo sexa gratuíto.

Non son alleos tampouco na Federación de Asociacións de Veciños Castelao ao debate suscitado ao redor da rúa Raíña Vitoria. No seo da agrupación móstranse favorables a mantela pechada e afean ao PSOE que agora pidan unha "apertura lixeiro" despois de votar cinco veces en contra do regreso do tráfico a esta arteria. Defenden que o peche aliviou a saturación no barrio de Campolongo e en Eduardo pondal.

Con todo, recoñecen non estar #de acordo con as formas do goberno local para executar e xustificar o corte da rúa. Tampouco coa manobra do PP e os seus simpatizantes centrando a campaña na reapertura da rúa, para a que recolleron firmas das que, alegan, "moitas non eran de xente de Pontevedra", sinalou Loureiro en alusión aos populares de Poio.