A Asociación Contra o Cancro aluga un local en Eduardo Pondal quedando a sede actual á venda

Pontevedra
12 de xullo 2021

Desde a asociación apuntan que o novo espazo supoñerá un punto de inflexión na maneira de ver o cancro, onde os pacientes serán os protagonistas e atoparán un lugar único onde serán o centro de todos os servizos que a AECC lles ofrece

Pontevedra conmemora o día mundial contra o cancro de mama Mónica Patxot

Estes días deron comezo as obras da nova sede da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra; un novo espazo que buscar adaptarse e dar resposta ás necesidades dos pacientes e os seus familiares.

Situada desde o ano 1995 na rúa Augusto González Besada, a AECC Pontevedra trasladarase entre os meses de outubro e novembro ao novo local en alugueiro, situado na rúa Eduardo Pondal, número 64 A quedando á venda a actual sede.

Segundo valoran desde a asociación, "o proxecto supoñerá un punto de inflexión na maneira de ver o cancro".  Este novo "espazo activo" foi concibido baixo un concepto "dinámico, aberto e accesible", que vai "máis aló do puramente estético e o funcional", onde "os pacientes serán os protagonistas e atoparán un lugar único onde serán o centro de todos os servizos que a AECC lles ofrece".

A nova localización, a pé de rúa, persegue tamén visibilizar o labor da AECC e achegala á poboación en xeral.

Neste espazo desenvolveranse programas gratuítos destinados, por unha banda, á poboación xeral con campañas de información, prevención e formación, e por outro, a pacientes e familiares, con programas e servizos destinados a eles, como a atención psicolóxica, atención social, logopedia, actividades e talleres.

Todos os servizos prestados serán impartidos por un equipo de profesionais (psicólogos, traballadores sociais e voluntarios) que continuarán traballando dunha maneira coordinada "convertendo este Espazo nun lugar onde aprender a entender, a superar e a sorrir".