A Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía atopou en Cabo Udra unha serie de rozas realizadas pola Comunidade de Montes de Beluso na contorna da Aula de Natureza que, segundo a asociación, son excesivas, tanto pola súa extensión como polas consecuencias ecolóxicas que poidan ter.
Por este motivo, Anduxía púxose en contacto coa Xefatura Provincial do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra e fíxolle saber que a extensión da limpeza supera o que sería a contorna desta área de uso público descendendo así polas ladeiras do propio Cabo Udra, e baixando ata zonas que entenden que son de protección da matogueira costeira.
Os danos ecolóxicos veñen dados porque estas rozas poden provocar facilmente a expansión da acacia negra, especie arbórea altamente invasora e cada vez mais presente en Cabo Udra, segundo comentan.
A Comunidade de Montes de Beluso indicou pola súa parte, que se están a seguir os criterios que marca o proxecto de parque forestal e o proxecto de ordenación forestal, ambos aprobados pola Consellería de Medio Ambiente.
Representantes da Asociación Anduxía declararon que teñen coñecemento da existencia dunha serie de restricións impostas pola súa administración para a aprobación deste proxecto de parque forestal, pero que descoñenen cales son e como afectan estas directrices ao desenvolvemento das actuacións que se levan a cabo no ZEC Cabo Udra.
Por este motivo a asociación pediu unha copia destas restricións ou condicionantes ao proxecto do parque forestal de Cabo Udra.