A asignatura pendente do campus

Pontevedra
11 de decembro 2016

Traballar por ser cada día un espazo máis accesible para todos e todas é un dos compromisos que o campus de Pontevedra adquiriu no proxecto Green Campus

Portas automáticas na Facultade de Belas Artes Universidade de Vigo

Traballar por ser cada día un espazo máis accesible para todos é un dos compromisos que o campus de Pontevedra adquiriu no proxecto Green Campus.

É unha folla de ruta que na que continúa traballando a Vicerreitoría xunto coa Unidade Técnica da Universidade e que leva nestas últimas semanas do ano a completar a instalación de portas automáticas nas diferentes facultades e escolas, así como a dotar ao Pavillón Universitario dun ascensor que permita o acceso de persoas con mobilidade reducida ás súas gradas.

Ás portas automáticas coas que xa contaba a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación súmanse ás portas dobres que se están a instalar nas últimas semanas en Belas Artes, Fisioterapia e na EE Forestal, así como a incorporación dunha segunda porta no acceso de Ciencias da Educación e do Deporte.

Con ese mesmo propósito, tamén está previsto dotar nas próximas semanas ao Pavillón Universitario deste acceso automático, unha vez se completen os traballos de instalación dun ascensor que permita o acceso ás súas gradas.

A todos este traballos hai que sumar a actuación acometida o pasado verán na parcela de acceso ao campus, á que se dotou de sendas peonís co obxecto de convertela nun espazo de esparexemento, pero tamén dunha pasarela de madeira que permite o acceso directo ao campus desde a avenida de Compostela.