A área sanitaria suma 136 casos activos por coronavirus, do que 33 están hospitalizados e 3 na UCI

Pontevedra
22 de marzo 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou 24 novos positivos por coronavirus no último día e este domingo ten oito pacientes hospitalizados máis que o sábado. Dous deses pacientes hospitalizados están no Hospital do Salnés e o resto en Montecelo 

Centro de saúde Virxe Peregrina durante o estado de alarma Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou 24 novos positivos por coronavirus no último día e segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de  Sanidade, este domingo 22 de marzo contabiliza 136 casos activos. 

Ese crecemento nos casos activos tamén se ve reflectido no incremento de pacientes hospitalizados e illados para recibir o necesario tratamento. En concreto, deses 136 casos activos, 33 están hospitalizados, oito máis que un día antes. Os outros 103 están illados nos seus domicilios.

Deses 33 hospitalizados, este domingo permanecen ingresados na UCI un total de tres pacientes da área sanitaria. Segundo as cifras oficiais facilitadas, dúas deses pacientes hospitalizados están no Hospital do Salnés e o resto no Hospital Montecelo

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 885, deles 226 son da área da Coruña, 58 da de Lugo, 95 da de Ourense, 212 da área de Vigo, 130 da de Santiago, e 28 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 33 permanecen en UCI, tres deles en Pontevedra; 227 están en unidades de hospitalización e 625 no domicilio. En Galicia rexistráronse 16 altas de pacientes, unha delas dun paciente que estivera dúas semanas ingresado no Hospital Montecelo. A comunidade contabiliza 14 falecementos, un deles na área sanitaria pontevedresa hai unha semana. Os dous últimos falecidos foron un home de 81 anos que estaba ingresado no CHUAC e unha muller de 77 anos ingresada no Hospital Juan  Cardona de Ferrol. Os dous tiñan patoloxías previas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.