A área sanitaria suma 11 novos positivos por coronavirus nun día e ten 37, seis deles hospitalizados

Pontevedra
17 de marzo 2020

Dos positivos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cinco son pacientes que se atopan hospitalizados e illados no Hospital Montecelo de Pontevedra e un no Hospital do Salnés. Ningún deles está na UCI e o resto están en illamento no seu domicilio

Máscara protectora Cristina Saiz

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou nas últimas 24 horas once novos casos de coronavirus confirmados, que elevan o total de positivos a 37 segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade despois da última actualización de positivos realizado na mañá deste martes.

Na área sanitaria, dos 37 positivos, seis son pacientes que se atopan hospitalizados e illados, cinco no Hospital Montecelo de Pontevedra e un no Hospital do Salnés, xusto os mesmos que 24 horas antes. Ningún deles está na UCI e o resto están en illamento no seu domicilio.

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 285, dos que 84 son da área da Coruña, a máis afectada ata agora. Un total de 26 son da de Lugo, 32 da de Ourense, 49 da área de Vigo, 50 da de Santiago -a que máis medrou no último día-, e 7 da de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos galegos, nove permanecen na UCI, ningún deles en Pontevedra e O Salnés, un total de 52 ingresados en hospitais e 224 en domicilios. Ata agora houbo na comunidade catro altas de pacientes e tres falecementos.

Na área sanitaria pontevedresa rexistrouse a última hora do sábado un falecemento por esta enfermidade, o segundo de Galicia. Foi un home de 81 anos, con varías patoloxías, que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, e que dera positivo importado na proba de coronavirus.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.