A área sanitaria segue dobregando a curva: 14 casos activos menos e sete contaxios nun día

Pontevedra
11 de xuño 2021

Segundo o balance do Servizo Galego de Saúde, este venres 11 de xuño hai 157 casos activos, cifra á que se chegou tras unha xornada con 21 altas e sete novos positivos confirmados. 150 son pacientes asintomáticos ou con síntomas leves e sete están hospitalizados, un menos que o xoves. Dous están en UCI, un máis que o día anterior

Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén a tendencia descendente que desde hai días está a dobregar a curva da incidencia da covid-19 e este venres volve confirmar que hai 14 casos activos menos que un día antes. 

Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este venres 11 de xuño hai 157 casos activos, cifra á que se chegou tras unha xornada con 21 altas de pacientes e sete novos positivos confirmados

Do total de casos activos, 150 son pacientes asintomáticos ou con síntomas leves que se atopan en corentena no seu domicilio e os outros sete están hospitalizados, un menos que o xoves. Cinco deles en planta de hospitalización e dúas na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. 

A noticia negativa da xornada chega desde a Unidade de Coidados Críticos, pois hai un paciente grave máis que o día anterior. En planta, con todo, hai dous pacientes menos, todos eles no Hospital Montecelo. 

No Hospital Montecelo xa non hai planta covid porque eses sete pacientes xa non teñen a infección activa, pero si figuran como casos activos porque son pacientes que tiveron a enfermidade e agora xa dan negativo, pero estatisticamente considéranse como tales ata que reciban o alta hospitalaria. 

Estas cifras chegan tras unha xornada na que se realizaron 635 probas PCR’ s, que elevan a 242.113 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 14.017 pacientes (dos que 21 foron na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 181 pacientes.