A área sanitaria roza os 600 casos activos tras unha xornada con 59 novos positivos

Pontevedra
23 de outubro 2020

Este venres 23 de outubro hai 595 casos activos na área sanitaria, 31 máis que o xoves, dos que 558 permanecen evolucionando no seu domicilio e 37 requiren ingreso hospitalario. Hai sete pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 30 ingresados en planta de hospitalización, tres menos

Evolución da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a data 23 de outubro Sergas

Na última xornada, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectou un total de 59 novos positivos de covid-19 e, a pesar de que tamén se curaron 28 persoas, segue aumentando a cifra de casos activos, que xa roza os 600.

Segundo o balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, este venres 23 de outubro hai 595 casos activos na área sanitaria, 31 máis que o xoves, dos que 558 permanecen evolucionando no seu domicilio e 37 requiren ingreso hospitalario.

Nos hospitais da área sanitaria rexistrouse unha redución leve da presión asistencia, con dous pacientes menos que o xoves. En total, hai sete pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un máis que o xoves, e 30 ingresados en planta de hospitalización, tres menos. 

En canto aos ingresados en planta, 25 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 5 no Hospital do Salnés, mentres que este venres non hai ningún no Hospital  Quirón Saúde Miguel Domínguez, onde o xoves permanecía un paciente. 

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.249 pacientes, 28 máis que na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 27 pacientes. A última falecida foi unha muller de 60 anos que estaba ingresada e presentaba patoloxías previas. 

En canto a realización de  PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 794, que se engaden ás 57.120 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés .

A nivel autonómico, Galicia rexistrou na última xornada a maior cifra diaria de  contaxios desde o inicio da pandemia, un total de 514. En total, na comunidade hai este venres 5.880 casos activos, dos que 325 están ingresados en planta dos distintos hospitais e 48 en UCI.

Desde o inicio da pandemia curáronse 24.573 pacientes e faleceron 856 en toda Galicia. Ata o de agora contaxiáronse un total de 31.309 persoas e realizáronse 616.297 probas  PCR e 393.462 probas  serológicas.