A incidencia do coronavirus segue baixando na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e este martes rexistráronse 42 casos activos menos que o luns. Con todo, esas cifras non implican que os contaxios desaparecesen, senón que nas últimas 24 horas contabilizáronse 24 novos positivos.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas curouse 66 pacientes, de modo que aínda que hai 42 casos activos menos, hai eses 24 positivos novos.
En total, hai 469 casos activos na área sanitaria, dos que 453 atópanse en seguimento domiciliario e 16 están ingresados en distintos hospitais. A cifra de hospitalizados en planta segue sen variacións con respecto ao luns, un total de 12, dos que 10 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, ningún no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés-
Os outros 4 pacientes con covid-19 están na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Supón un paciente menos que o luns en estado grave.
No balance oficial de datos deste martes chama a atención o número de PCR' s realizadas, pois, nas últimas 24 horas, fixéronse 306, unha cifra moito máis baixa do habitual nos últimos días. O luns realizáronse 672; o domingo, 795; e o sábado foran 683. Ata este martes realizáronse 51.659 desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés .
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 1.954 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 24 pacientes.
PONTEVEDRA, MARÍN E VILAGARCÍA, EN NIVEL 2
Por municipios, segue xerando preocupación o nivel de contaxios rexistrados en tres localidades da área sanitaria, que se atopan en nivel de alerta 2 polo número de positivos detectados por PCR nos sete últimos días. Trátase de Pontevedra, con entre 48 e 96 casos; Marín, entre 14 e 21; e Vilagarcía, entre 14 e 21.
Ademais, están en nivel de alerta 1 Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Poio, Caldas de Reis, Moraña, Cambados e Vilanova de Arousa.
DATOS LOCAIS
- Pontevedra ten este martes 178 casos positivos, 5 menos que onte.
- Poio ten este martes 27 casos activos, dous máis que o luns
- Marin ten 42 casos activos, tres menos ca onte luns
- Sanxenxo ten este martes 12 casos activos, un menos que onte luns.
- Vilanova de Arousa: este martes sobe de 17 a 19 casos.
RESIDENCIAS DE MAIORES
A Xunta informa de dous casos positivos de covid en traballadores en residencias da terceira idade, un na Residencia Campolongo e outro na Residencia DomusVi de Ribadumia.