A área sanitaria reduce os casos activos por primeira vez en catro semanas

Pontevedra
05 de febreiro 2021

Este venres 5 de febreiro a área sanitaria de Pontevedra e Salnés experimenta unha redución no número de casos activos. Son 37 casos menos que o xoves, co que o total queda en 2.576 casos activos. É a primeira baixada desde hai catro semanas. Concretamente desde o 8 de xaneiro

Xente paseando pola rúa con máscara Cristina Saiz

Este venres 5 de febreiro a área sanitaria de Pontevedra e Salnés experimenta unha redución no número de casos activos. Son 37 casos menos que o xoves, co que o total queda en 2.576 casos activos. É a primeira baixada desde hai catro semanas. Concretamente desde o 8 de xaneiro.

A xerencia da área sanitaria informa que rexistrou 163 contaxios novos na última xornada, na que tamén se curaron 195 persoas.

Hai 112 pacientes de covid-19 ingresados en planta de hospitalización.

Concretamente hai 90 pacientes no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, once no QuirónSalud Miguel Domínguez e once no Hospital do Salnés.

Na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo hai 27 enfermos de covid-19 en estado crítico.

Así mesmo, permanecen 2.437 casos de coronavirus evolucionando en domicilio.

Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 8.326 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 124 persoas, os últimos, en Montecelo, tres homes de 62, 79 e 83 anos e dúas mulleres de 77 e 84 anos, que presentaban patoloxías previas.

En canto á realización de PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 1.439 probas, coas que son xa 147.019 as efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedrae O Salnés.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 21.686, deles 5.713 son da área da Coruña, 2.023 da de Lugo, 2.578 da de Ourense, 2.576 da de Pontevedra, 3.647 da área de Vigo, 3.339 da de Santiago e 1.810 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 251 están en UCI, 1.038 en unidades de hospitalización e 20.397 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 78.843 persoas curadas, rexistrándose 1.910 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.472.623. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 104.205.