A área sanitaria recoñece que carece de persoal suficiente para cubrir as demandas dos médicos dos PAC

Pontevedra
29 de outubro 2021

Segundo explica Irene Pardo, portavoz dos profesionais dos nove PAC da área sanitaria que mantiveron unha xuntanza con tres das máximas representantes da xerencia, a única alternativa que propoñen aos facultativos é que autorregulen calendarios flexibles nos que deberán cubrir con máis horas baixas ou vacacións dos compañeiros

Irene Pardo con outros representantes dos PAC nunha protesta
Irene Pardo con outros representantes dos PAC nunha protesta / PontevedraViva

A proposta da xerencia da área sanitaria ás demandas dos médicos dos Puntos de Atención Continuada (PAC) que alertan sobre o exceso de número de horas que están a traballar durante os últimos meses céntrase en que eles mesmos autorregulen os calendarios laborais cun sistema flexible no que terán que cubrir as baixas ou as vacacións dos seus compañeiros.

Esta fórmula non contemplaría a incorporación de máis facultativos a estes PAC e obrigaría aos médicos para adaptar as súas quendas para que todos realicen un número de horas similares.

"Horrorízanos porque non podemos organizar as nosas vidas", afirma Irene Pardo, médica do PAC de Bueu e portavoz dos nove profesionais destes servizos que este xoves mantiñan un encontro con Sonia Fernández Arruti, Yolanda Lesmes e Belén Piñón, directora asistencial, de Recursos Humanos e de Atención Primaria respectivamente da área sanitaria.

Esta solución, segundo expón Irene Pardo, "resolve a garantía de asistencia á poboación, pero en canto a dereitos laborais non resolvemos nada".

Mesmo as representantes da dirección chegaron a pronunciarse sobre o incumprimento de cuestións recollidas no acordo de 2008 cos traballadores dos PAC como obrigar a traballar aos profesionais todas as fins de semana dun mes, cando teñen dereito a librar, polo menos, un deles.

A directora asistencial afirmou, segundo manifesta Irene Pardo, que entre o dereito de asistencia á poboación e o dereito persoal, os médicos están obrigados a traballar e despois xa resolverán o conflito nos xulgados.

Desde a xerencia expuxeron aos traballadores que carecen de recursos humanos suficientes para cubrir tanto prazas estruturais, aquelas contempladas para cada centro, como para cubrir eventualidades. Esta situación provoca o incremento de horas de traballo e provoca incerteza e desmotivación nos profesionais, indican os representantes dos PAC.

Como posibles opcións a longo prazo, as tres directoras da área indicaron que tentarían aumentar o número de prazas MIR para formar a máis residentes de familia nos centros hospitalarios de Pontevedra e crear unha especialidade de Urxencias.

No ámbito autonómico tamén sinalaron a opción de que estableza un tipo de contrato uniforme para todas as áreas sanitarias coa intención de evitar transvasamentos de profesionais que busquen mellores condicións laborais ou económicas noutros puntos da xeografía galega.

Desde a xerencia quedaron en enviar un escrito coas directrices para a elaboración de calendarios e o colectivo de profesionais analizará a situación para decidir se "acatan" estas condicións ou continúan coas concentracións de protesta co obxectivo de dignificar o seu traballo.