A área sanitaria non rexistra novos positivos na última xornada, pero suma un paciente máis en UCI

Pontevedra
25 de setembro 2021
Actualizado: 11:01

Este sábado hai 101 pacientes con covid-19 na área sanitaria, dos que 94 están illados no seu domicilio baixo supervisión médica e sete atópanse ingresados no Hospital Montecelo. Hai dous na unidade de Coidados Críticos e cinco en planta de hospitalización

Ambulancias no acceso a Urxencias do Hospital Montecelo PontevedraViva

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue contendo o avance da pandemia e, unha xornada máis, reduce o número de pacientes coa infección activa. O último balance diario confirma unha noticia moi positiva, que nas 24 horas anteriores non se confirmou ningún novo positivo de covid-19, mentres que tamén deixa un dato negativo, o aumento de pacientes en UCI. 

Así, segundo o último balance diario do Servizo Galego de Saúde, con datos das seis da tarde do venres, na área sanitaria déronse sete altas de pacientes que tiñan a enfermidade e hai sete casos activos menos, de modo que non houbo ningún novo positivo confirmado. 

En total, hai 101 pacientes con covid-19 na área sanitaria, dos que 94 están illados no seu domicilio baixo supervisión médica e sete atópanse ingresados nun hospital. É un máis que o día anterior. 

Este sábado tan só hai pacientes ingresados no Hospital Montecelo, sen ningún caso no Hospital do Salnés ou o QuirónSalud Miguel Dominguez. En Montecelo hai dous na unidade de Coidados Críticos, un máis que o último parte oficial, e os outros cinco están en planta de hospitalización. É o mesmo número que o día anterior.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 21.092 pacientes e faleceron 204 na área sanitaria pontevedresa. 

O ritmo de PCR realizadas mantense similar ás últimas xornadas. Nas últimas 24 horas fixéronse 198. Ata o momento realizáronse na área sanitaria 302.170 probas PCR, 138.638 test de antígenos e 108.287 probas de detección da covid-19 doutra natureza. 

EVOLUCIÓN EN GALICIA

A nivel autonómico, o último parte oficial confirma 57 novos positivos e un descenso dos casos activos. En total, este sábado hai 1.443, 120 menos que no último balance oficial.

A situación nos hospitais ten poucos cambios. Hai este sábado dous pacientes máis ingresados, un en UCI e outro en planta. En total, son 59 pacientes, 41 en planta e 18 na unidade de críticos.

Por áreas sanitarias, todas teñen menos casos activos este sábado e Pontevedra e Ferrol non rexistran novos positivos. En Ferrol teñen 38 casos activos, oito menos que o día anterior.

A Coruña é a área sanitaria con máis casos, 340, 43 menos, tras confirmar 14 novos positivos nunha xornada. Vigo ten 287, 12 menos tras confirmar 8 novos. En Lugo hai 268 pacientes coa infección, 28 menos, tras 12 novos na última xornada. En Ourense son 210 casos, dez menos, tras 15 novos positivos nun día. En Santiago hai 208, 12 menos, e confirmáronse 9 positivos novos nun día. 

 Galicia rexistrou 2.628 vítimas mortais desde o inicio da pandemia, dúas na última xornada.