A área sanitaria non atopa casos positivos no cribado feito en Sanxenxo

Sanxenxo
16 de febreiro 2021

A aquel cribado a administración sanitaria pública galega convocou, gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación sanxenxina de entre 40 a 49 anos de idade, colectivo que nesta localidade acada as 2.600 persoas

Cribado en Vilalonga pola covid-19 Mónica Patxot

Os cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos efectuados en pasadas datas no Concello de Sanxenxo pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non detectaron ningún caso positivo de Covid 19 nesta localidade.

Cómpre lembrar que este cribado voluntario tivo lugar no centro de saúde de Vilalonga, no Concello de Sanxenxo, entre o pasados xoves 11 e o sábado 13 de febreiro.

Á dita iniciativa preventiva a administración sanitaria pública convocou, gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación sanxenxina de entre 40 a 49 anos de idade, colectivo que nesta localidade acada a arredor das 2.600 persoas.

Segundo informou o Sergas, achegáronse a efectuar o cribado un total de 1.745 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 67,1 por cento da convocatoria voluntaria.

Para levar a cabo este cribado, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contou no centro de saúde de Vilalonga durante a pasada fin de semana con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuaron tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras nasofarínxeas e información aos usuarios.