A área sanitaria mantense por riba do cento de contaxios diarios de covid, con 2.526 casos activos

Pontevedra
07 de febreiro 2021

Aínda que a actualización de datos do Servizo Galego de Saúde deste domingo 7 de febreiro volve supoñer un descenso de casos activos, a área pontevedresa segue sendo a que menos baixa de toda Galicia, sen apenas cambio esta vez nas cifras de presión hospitalaria

Urxencias do Hospital de Montecelo Mónica Patxot

Descenso por terceira xornada consecutiva no número de casos activos de coronavirus na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, aínda que unha baixada máis lenta da que empeza a experimentar o resto de Galicia, e é que a pontevedresa é a área que menos descende as súas cifras na actualización de datos do Servizo Galego de Saúde este domingo 7 de febreiro.

Segundo esas cifras, os casos activos de covid sitúanse nos 2.526, é dicir, 36 menos que o sábado a pesar de que os contaxios detectados seguen superando o cento diario. Nesta ocasión contabilizáronse 112 novas infeccións, aínda que ao ser unha cifra inferior ás altas epidemiolóxicas producidas (148) supón un lixeiro descenso.

Onde apenas non se producen cambios é na presión hospitalaria, con dous pacientes menos ingresados, 128 en total, ao baixar nun ingreso a ocupación da Unidade de Coidados Intensivos (UCI), con 23 afectados, e tamén nunha as persoas positivas en covid ingresadas en planta (105), repartidas entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (83), o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (11) e o Hospital do Salnés (11).

Desde o inicio da pandemia superaron a covid na área pontevedresa 8.598 persoas, falecendo 128 persoas coa infección activa.

En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 996 que se engaden ás 149.151 efectuadas con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 19.966, o que supón un descenso de 921 nas últimas horas. Por orde, as áreas con maior afectación son A Coruña con 5.319 (-223), seguida de Vigo 3.301 (-168), Santiago 3.023 (-160), Pontevedra 2.526 (-36), Ourense 2.240 (-169), Lugo 1.863 (-94) e Ferrol 1.694 (-71).

Do total de persoas positivas, 248 están en UCI (+1) e 1.026 en unidades de hospitalización (-10). Ata o momento, en Galicia hai un total de 82.275 persoas que superaron a infección (+1.738), rexistrándose 1.950 falecementos asociados ao virus, dos cales 16 foron contabilizados no último día.