A área sanitaria, desbordada: 2.022 casos activos de covid-19 e 134 hospitalizados tras 165 novos contaxios

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Lonxe de estabilizarse, a situación epidemiolóxica da área sanitaria segue empeorando día a día. A terceira vaga da covid-19, xa convertida en tsunami, segue batendo tristes records. Os casos activos superan por primeira vez os dous milleiros, ao situarse en 2.022, e as hospitalizacións son xa 13, dezaseis na UCI

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

Lonxe de estabilizarse, a situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue empeorando día a día. A terceira vaga da covid-19, xa convertida en tsunami, segue batendo tristes records. Os casos activos superan por primeira vez os dous milleiros, ao situarse en 2.022, e as hospitalizacións son xa 134 -seis máis-. Nunca antes houbo tantas.

Os ingresados nos tres hospitais da área son os que, evidentemente, máis preocupan ás autoridades sanitarias. Hai 118 pacientes covid ingresados en unidades de hospitalización. A maior parte deles (94) en Montecelo. Outros doce están no Hospital do Salnés e tamén doce hai no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

As que están máis graves son as 16 persoas que se atopan ingresadas na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. É unha máis que onte.

O resto dos que contraeron o virus, outras 1.888 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Se os casos activos creceron ata os 2.022, o que supoñen 82 máis que onte, é debido aos novos contaxios que se detectaron nas últimas 24 horas. No caso da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ata 165 novos infectados. De todos eles, segundo o Servizo Galego de Saúde, 133 foron confirmados mediante unha proba PCR.

Desde o inicio da pandemia 7.440 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 83 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 101 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 135.936, 1.199 nas últimas horas. A estas probas súmanse as 51.388 seroloxías realizadas ata a data. 

CENTROS EDUCATIVOS E RESIDENCIAS DE MAIORES

Segundo os datos facilitados polas Consellería de Educación e a de Política Social, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés hai 402 positivos, con 19 aulas pechadas e dúas escolas infantís pechadas, a de Poio e o centro Ceo Azul, en Bueu.

En canto ás residencias de maiores, o Sergas notifica que deu positivo un traballador da residencia Ballesol de Poio, dentro desta área sanitaria.

No total de Galicia hai 445 usuarios e 242 traballadores de residencias de maiores contaxiados.

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 21.293, 812 máis que o día anterior. Deles 5.679 son da área da Coruña, 1.954 da de Lugo, 2.980 da de Ourense, 2.022 da de Pontevedra, 3.680 da área de Vigo, 3.309 da de Santiago e 1.669 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 178 están en UCI, 1.093 en unidades de hospitalización e 20.022 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 68.237 persoas curadas, rexistrándose 1.659 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.357.642 probas PCR, 12.302 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 1.297 novos infectados.