A área sanitaria de Pontevedra seguirá pechada e Soutomaior pasa ao nivel máximo de restricións

Pontevedra
02 de marzo 2021

A situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra non mellorou o suficiente para seguir aliviando as actuais restricións impostas pola covid-19.  Sanidade aposta por non facer cambios. Manteranse as limitacións en vigor desde o pasado venres, salvo en Soutomaior que se endurecerán

Xente paseando con máscaras en Pontevedra Cristina Saiz

A situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra non mellorou o suficiente para seguir aliviando as actuais restricións impostas pola covid-19.  Sanidade aposta por non facer cambios. Manteranse as limitacións en vigor desde o pasado venres.

Así o decidiu o comité clínico que asesora ao goberno galego que, pola contra, si elevou o nivel de alerta en Soutomaior. É o único municipio de Galicia cunha incidencia acumulada a 14 días superior aos 500 casos por cada 100.000 habitantes.

Situarse neste nivel máximo significa, segundo as autoridades sanitarias, que a hostalería terá de pechar de novo. Non poderán atender nin sequera en terraza. Ademais, terá peche perimetral individual. Non se poderá entrar nin saír do seu territorio sen causas xustificadas.

O resto dos 25 concellos da área sanitaria, entre eles Pontevedra, seguirán no nivel alto de restricións. A mobilidade estará permitida entre todos eles, pero non saír máis aló dos seus límites. A hostalería poderá abrir ata as seis da tarde, pero só coas súas terrazas ao 50%.

Estas medidas mantéñense tanto na área sanitaria de Pontevedra como na da Coruña, que son as únicas que seguirán no nivel alto de restricións, despois de que  Sanidade aliviase a situación da área de Ferrol, que recupera a súa mobilidade co resto de Galicia.

Na provincia de Pontevedra están tamén neste nivel alto outros tres municipios: Mos, Mondariz e Pazos de Borbén.

Todas estas restricións entrarán en vigor ás 00:00 horas do venres 5 de marzo.