O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o anuncio da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, polo que se convoca o procedemento de mobilidade interna voluntaria para persoal estatutario fixo de diversas categorías no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
Tamén, nesta mesma semana, o luns 29 de xullo, tense publicado o anuncio no DOG da convocatoria procedemento de mobilidade interna voluntaria para persoal do Hospital Público do Salnés.
Estes concursos realízanse coa finalidade de facer efectivo o dereito á mobilidade interna do persoal do CHUP e do Hospital do Salnés, logo da negociación coas organizacións sindicais con representación na Xunta de Persoal.
Con estas convocatorias o persoal pode optar voluntariamente a postos que polas súas características (tipoloxía de patoloxías a atender, réxime de quendas, horarios...) entenden máis favorables para o desempeño da súa actividade profesional, ou que permiten unha mellor conciliación da vida familiar e profesional.
Por distritos, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ofértanse un total de 743 postos e no Hospital Público do Salnés, ofértanse 154.
Ademais dos postos ofertados, adxudicaranse aqueles postos que queden libres (as resultas) como consecuencia da adxudicación da oferta que se realiza.
Os postos ofertados e as bases íntegras da convocatoria están expostos nos taboleiros de anuncios da Dirección e na intranet da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Os prazos para a presentación das solicitudes de participación esténdense para o persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra dende o 1 de agosto ao 20 de setembro, e para o persoal do Hospital Público de O Salnés dende o 30 de xullo ao 16 de setembro.