A área sanitaria chega aos 222 positivos por coronavirus e rexistra un novo falecemento e un paciente de alta

26 de marzo 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou 20 novos casos confirmados nas últimas 24 horas. Hai un total de 74 persoas ingresadas, das que 64 están hospitalizados en planta e 10 son pacientes que están na UCI. Elévanse a 4 as vítimas mortais e a tres as altas sanitarias 

Hospital Montecelo Diego Torrado

Vinte novos casos confirmados de coronavirus nas últimas 24 horas elevan xa o total de positivos detectados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a un total de 222 desde o inicio da alerta sanitaria polo COVID-19. 

Segundo a actualización de datos deste xoves, nos hospitais da área sanitaria hai un total de 74 persoas ingresadas con esta enfermidade, das que 64 están hospitalizados en planta e 10 son pacientes que están na UCI. Dos ingresados en planta, oito permanecen no Hospital do Salnés e o resto en Pontevedra cidade. 

A noticia máis negativa da xornada chegou co falecemento do cuarto paciente desde que comezou a incidencia do Covid-19, un home de 74 anos que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo da cidade do Lérez para recibir tratamento para o seu diagnóstico. O paciente tiña patoloxías previas ao coronavirus.

A vertente máis positiva do balance realizado pola Consellería de Sanidade é que nas últimas 24 horas recibiu a alta sanitaria un novo paciente que, tras dar positivo por coronavirus, tras recibir o correspondente tratamento, agora está curado. Desde o inicio do plan de continxencia do Covid-19 xa se prescribiron tres altas na área sanitaria.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.832, deles 438 son da área da Coruña, 128 da de Lugo, 231 da de Ourense, 462 da área de Vigo, 302 da de Santiago, e 49 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 86 permanecen en unidades UCI, 499 están en unidades de hospitalización e 1.247 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 47 altas de pacientes e 36 falecementos.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.