Tiveron que pasar máis de seis meses para que a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés volva situarse por baixo dos 300 casos activos de coronavirus.
Segundo a actualización de datos da pandemia ofrecida polo Servizo Galego de Saúde ás 10.00 horas deste domingo 14 de marzo, a área pontevedresa conta actualmente con 278 casos activos, o que supón un descenso de 28 nas últimas horas colocándolle en niveis de principios do pasado mes de setembro. En concreto, tras a revisión de datos en días posteriores, son números que non se repetían desde o 3 de setembro cando as infeccións activas eran de 299.
En canto ao descenso de afectados ao 14 de marzo, débese principalmente ao baixo número de contaxios detectados, 6 nas últimas horas, xunto ás 34 altas epidemiolóxicas rexistradas.
A gran diferenza cos datos de setembro atópase na presión hospitalaria, máis elevada na actualidade ao seguir ingresadas 25 persoas positivas en covid. Deles 17 (un menos) atópanse en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario de Pontevedra (12) e o Hospital do Salnés (5), mentres que 8 pacientes evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.
Desde o inicio da pandemia superaron o virus 12.112 persoas na área, contabilizándose 160 falecementos de persoas con positivo activo, o último unha muller de 94 anos de idade falecía o venres 12 no Hospital do Salnés.
No que respecta a a realización de probas CR, nas últimas 24 horas fixéronse 732 que se engaden ás 174.548 efectuadas con anterioridade.
DATOS DE GALICIA
A nivel autonómico o número de casos activos de coronavirus é este domingo de 2.749, o que supón 105 menos que na anterior actualización de datos. Deles 245 permanecen ingresados nunha planta hospitalaria (igual que o sábado) e 75 evolucionan na UCI (tres menos).
Ata a data en Galicia contabilizáronse 2.296 falecidos pola pandemia.