A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve estar por baixo dos 250 casos activos de covid-19, cifras que non se lembran desde principios de abril. Este mércores 2 de xuño hai, en concreto, 248.
Chégase a esta cifra tras unha xornada na que se confirmaron dous novos positivos, pero déronse 16 altas a pacientes. En total, hai 14 casos menos que o martes.
Do total de casos activos, 233 evolucionan no seu domicilio con síntomas leves ou asintomáticos e 15 están ingresados en hospitais da área sanitaria. Nos hospitais, dentro da tendencia das últimas semanas a pequenas fluctuacións nos datos, houbo unha lixeira subida. Son tres máis nun día.
Hai dous pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un menos que o día anterior, aínda que tamén hai que ter en conta que o Servizo Galego de Saúde confirmou o martes unha nova morte por covid-19, un home de 74 anos que estaba ingresado en Montecelo e presentaba patoloxías previas.
A maiores, hai 13 pacientes con covid-19 ingresados en planta de hospitalización, 11 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 13.849 pacientes (16 na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 180 persoas.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 815, que elevan a 236.926 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, na última xornada confirmáronse 82 novos contaxios e o número total de casos activos apenas varía con respecto ao martes. Son en total, 2.2003, dous menos nunha xornada.
Nos hospitais, hai un total de 2 pacientes ingresados máis, aínda que a boa noticia chega desde as unidades de coidados críticos, con 4 pacientes menos en UCI. O total, hai 111pacientes ingresados, 90 en planta e 21 críticos
Por áreas sanitarias, tan só en Pontevedra e A Coruña hai menos casos activos que o martes. Son 6 casos menos na área coruñesa, que se sitúa en 361 e 14 na pontevedresa, que ten 248.
Vigo e Ourense non rexistran cambios. A primeira mantense como a área con máis casos activos, 662, e a ourensá suma 164. Subiron os casos no resto de áreas, catro máis en Santiago (ten 400), seis máis en Lugo (con 268) e oito máis en Ferrol (con 103).