A Área Sanitaria anuncia que ofertará a cobertura de todas as prazas de Medicina Familiar e Pediatría en Poio

Poio
15 de novembro 2022

José Flores, xerente da Área Sanitaria, mantivo un encontro con Luciano Sobral e Marga Caldas, alcalde e concelleira de Sanidade en Poio, para analizar a situación sanitaria no municipio. Ademais, conversaron sobre a continuidade de xestións do Concello para poñer a disposición da Xunta unha parcela para a construción dun novo centro de saúde

José Flores, xerente da área sanitaria, mantivo un encontro co alcalde e a concelleira de Sanidade de Poio Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

José Flores Arias, xerente da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, mantiña este martes un encontro no Hospital Montecelo con Luciano Sobral, alcalde de Poio, e Marga Caldas, concelleira de Sanidade. Tamén asistía á reunión a directora de procesos de soporte, Maica Val Sanlés.

Durante esta entrevista analizouse a situación de atención sanitaria no municipio. Flores recoñeceu que se están a cubrir con substitucións as ausencias de efectivos asistenciais nos centros de saúde de Poio, pero está previsto ofertar a cobertura da totalidade de prazas de Medicina Familiar e Pediatría de Atención Primaria no Concello, coa intención de consolidar a continuidade asistencial.

Ademais, tamén se tratou o tema das xestións que o Concello de Poio mantén para poñer ao dispor da Xunta unha parcela coa edificabilidade suficiente para acoller un novo centro de saúde.

O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria contempla na súa fase 1 a construción deste novo centro e precisa ao redor de 2.289 metros cadrados. Este recinto permitiría, segundo o SERGAS, crear novos espazos sanitarios que ata o de agora non existían na localidade. Entre estes espazos atópase Fisioterapia, con consulta e ximnasio, ademais dunha zona de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental. Tamén está previsto un despacho para traballo social.

O centro dispoñería dunha sala polivalente, unha sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou sala de xuntas para os profesionais.