A Área Sanitaria acometerá melloras nas dependencias do centro de saúde de Combarro

Poio
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantivo este xoves no hospital Provincial unha xuntanza técnica co rexedor do Concello de Poio, Ángel Moldes

Reunión do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra co alcalde de Poio Sergas

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantivo este xoves no Hospital Provincial unha xuntanza técnica co rexedor do Concello de Poio, Ángel Moldes na que, acompañados polo director de recursos económicos da Área Sanitaria, Vicente García Fernández, analizáronse diversas casuísticas e previsións nesta localidade.

No transcurso deste encontro o doutor José Flores e o alcalde Angel Moldes acordaron unha colaboración no mantemento dos centros de Atención Primaria desta localidade. 

Neste senso, lembráronse as recentes intervencións de arranxos de fachada e melloras no consultorio médico da parroquia de Raxó, á vez que se concretaron novas melloras nas dependencias do centro de saúde de Combarro.

Así mesmo, o rexedor de Poio e o xerente da Área Sanitaria refrendaron a vixencia do compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Poio para a futura construción dun novo centro de saúde nesta localidade cun espazo estimado de 2.289 metros cadrados que inclúa novos espazos non existentes ata agora nas súas infraestruturas sanitarias, tales coma a área de Fisioterapia -con consulta e ximnasio- ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social.

O incremento da superficie tamén permitirá que o futuro centro de Atención Primaria poiense conte cunha sala polivalente, unha sala de técnicas, unha consulta de docencia, un despacho de coordinación e salas de xuntas e de estar para os profesionais.