A APDR vai "cínico e incoherente" a Rafa Domínguez polas súas críticas ao parón do Plan Social de ENCE

Pontevedra
24 de outubro 2022

A asociación ecoloxista sinala que estarían "nun estado de fondo desconcerto" se non coñeceran que o líder do PP é un "defensor a ultranza" da empresa e que "mesmo obvia a lexislación" para apoiar a permanencia e pregúntase "por que estivo calado tanto tempo? Que lle fai romper o seu silencio e denunciar agora o incumprimento nos últimos anos?"

Factoría de Ence en Lourizán Mónica Patxot

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) critica ao presidente local do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, polas súas declaracións dos últimos días nas que censura á empresa Ence por paralizar o seu Plan Social desde o ano 2019. O presidente do colectivo ecoloxista, Antón Masa, considera que  o seu comportamento é "cínico e incoherente" cando é de todos coñecido o seu apoio á pasteira. 

Así, a APDR sinala que estarían "nun estado de fondo desconcerto" se non coñeceran que é un "defensor a ultranza" da empresa e que "mesmo obvia a lexislación" para apoiar a permanencia da empresa na Ría de Pontevedra e apoiou coa súa presenza o "bochornoso" boicot da empresa ao pregón das festas da Peregrina-2021.

Así, desde o colectivo ecoloxista lembran que Domínguez "aplaude a busca de solucións xurídicas ilegais" que permitan pasar por riba das sentencias da Audiencia Nacional que declaran ilegal a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy. 

En canto a estas recentemente realizadas declaracións afeando que se paralizara o Plan Social, Antón Masa recoñece que lle "sorprende" que teña agardado tanto tempo en tomar esta decisión, pois lembra que "gardou o máis absoluto silencio" cando en repetidas ocasións a APDR denunciou esta situación.

"Por que estivo calado tanto tempo? Que lle fai romper o seu silencio e denunciar agora o incumprimento nos últimos anos?", pregúntanse desde a APDR, e lembran que Ence tampouco cumpriu ese compromiso no ano 2016.

A asociación ecoloxista fala dunha posible estratexia electoral por parte do PP. "Poida que Domínguez teña aprendido xa que en Pontevedra non se poden gañar as eleccións locais enfrontándose á maioría social que esixe a saída de ENCE da Ría", sinalan.