A APDR rexeita "rotundamente" unha planta de biomasa en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
16 de marzo 2017

Os ecoloxistas sinalan que a queima de materia vexetal procedente de cultivos enerxéticos como o eucalipto para producir electricidade "non é nin unha forma ecolóxica de produción de enerxía nin unha alternativa de futuro e emprego" para a veciñanza

Cotobade Terras de Pontevedra

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) rexeita "rotundamente" a posibilidade de que o municipio de Cerdedo-Cotobade acolla unha planta de biomasa de 40 megawatts como a que Ence pretende levar a cabo, xa que "tan só beneficiaría aos intereses da empresa". 

Os ecoloxistas sinalan que a queima de materia vexetal procedente de cultivos enerxéticos como o eucalipto para producir electricidade "non é nin unha forma ecolóxica de produción de enerxía nin unha alternativa de futuro e emprego" para a veciñanza.

Apoiandose en datos da propia Xunta de Galicia a APDR lembra que unha planta destas características "non cubriría nin de lonxe a súa demanda de materia vexetal" con residuos forestais, xa que necesitaría aportes continuados de material procedente de novos plantíos de cultivos como o eucalipto, con ciclos moi curtos de plantación-queima-­plantación, e o "uso masivo de abonos e tratamentos químicos, que empobrecerían os solos e provocarían unha nova vaga de eucaliptización que ocuparía terreos gandeiros e agrícolas produtivos, imposibilitando outros aproveitamentos agora e no futuro".

Por iso, Defensa da Ría pregunta ao goberno municipal de Cerdedo­Cotobade se "ese é o único futuro que pode ofrecer" xa que esa alternativa, segundo din, "reforzaría o desleixo e o abandono do rural para converter este territorio nun deserto verde" e impediría o desenvolvemento doutras alternativas económicas compatibles coa conservación do medio, do territorio e dos seus valores culturais e paisaxísticos, engaden.

Ademáis afirma a APDR que os graves incendios forestais do ano pasado en Cotobade "deberían facer reflexionar sobre un modelo forestal desfasado e curtopracista, en beneficio exclusivo dunha empresa como Ence".

Finalmente os ecoloxistas da Asociación pola Defensa da Ría subliñan que "esta é a liña que a Xunta do PP, ao ditado de Ence, quere impor para o rural galego". E apoian o seu argumento lembrando a derrogación do decreto que limitaba de potencia das plantas de biomasa.