A APDR pide unha reunión con Carmela Silva ante o "inaceptable" proxecto de ENCE para o Pazo de Lourizán

Pontevedra
02 de novembro 2016

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra solicitou a entrevista para intercambiar opinións coa presidenta provincial acerca do Pazo e vai poñer sobre a mesa a situación das instalacións, hoxe nun "estado lamentable" e que cren que ten unhas posibilidades futuras que non se poden ver truncadas con este proxecto

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) considera "preocupante e inaceptable" a pretensión da empresa Ence de instalar un suposto centro de I+D forestal no Pazo de Lourizán, un inmoble de titularidade pública que depende da Deputación de Pontevedra. Así llo trasladará á presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, nunha entrevista que acaba de solicitar. 

A asociación solicitou a entrevista para intercambiar opinións coa presidenta provincial acerca do Pazo de Lourizán e da operación que a empresa Ence pretende desenvolver no mesmo no marco do "mal chamado" pacto ambiental asinado coa Xunta de Galicia. Ademais, van poñer sobre a mesa a situación das instalacións do Pazo de Montero Ríos, hoxe nun "estado lamentable" e que cren que ten unhas posibilidades futuras que non se poden ver truncadas con este proxecto.

Para a APDR é "enormemente importante" poder manter unha reunión co goberno da Deputación porque son conscientes do papel que pode xogar o goberno provincial na defensa do público fronte aos plans de Ence e da sensibilidade ambiental manifestada en moitas ocasións desde o ente provincial

Segundo informou o presidente da APDR, Antón Masa, a través dun comunicado, esta asociación considera que "non se pode permitir que Ence (...)  pretenda beneficiarse a costa do erario público dun edificio como o Pazo de Lourizán" e ve "preocupante e inadmisible que desde a Xunta de Galicia se apoie abertamente esta operación".

Para argumentar esta oposición ao proxecto de Ence, indican que se trata dunha empresa que foi condenada por delito ecolóxico continuado, que eles ven responsable da degradación ambiental da Ría de Pontevedra e dos montes galegos, da desaparición do maior dos bancos marisqueiros da Ría e das únicas praias urbanas de Pontevedra. Ademais, considérana responsable tamén, en moi boa medida, da destrución de emprego na comarca pontevedresa.