A APDR pide ao secretario de Estado de Medio Ambiente que non ceda ás "ameazas" de Ignacio de Colmenares

Pontevedra
09 de marzo 2021

No escrito, a Asociación Pola Defensa da Ría lembra que o presidente do Grupo Ence afirma que a fábrica de Lourizán "en calquera momento pode darnos un susto maiúsculo medio ambiental que pode afectar ás persoas" e solicita ao Ministerio que evite as "inadmisibles chantaxes dunha empresa que ten na mentira e as falas promesas o seu sinal de identidade"

Imaxe nocturna da fábrica de Ence en Lourizán Santiago Balea

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) enviou un escrito a Hugo Alfonso Morán Fernández, secretario do Estado de Medio Ambiente, para poñer no seu coñecemento as palabras efectuadas por Ignacio de Colmenares, presidente do Grupo Ence, nun vídeo interno da empresa

Precisamente a APDR acompaña o escrito co vídeo coas polémicas declaracións e pide que o Ministerio de Transición Ecolóxica non ceda ás ameazas e presións do máximo responsable de Ence coas que, segundo o colectivo ecoloxista, pretende modificar o proxecto de Lei de Transición Ecolóxica para poder continuar en Lourizán nos terreos de dominio público marítimo-terrestre. 

A asociación que preside Antón Masa alerta sobre a gravidade das palabras de Ignacio de Colmenares ao referirse ao estado da caldeira de recuperación que "en calquera momento pode darnos un susto maiúsculo medio ambiental que pode afectar as persoas", e admitir que a caldeira precisa de investimentos e que non se realizarán se non se asegura a súa permanencia en Lourizán ata 2073. 

A APDR entende que isto é unha chantaxe ao Estado e o colectivo está convencido de que o Ministerio non cederá ás ameazas para a modificación do proxecto de Lei en tramitación. Masa considera que os métodos de Ignacio de Colmenares son "mafiosos" e, no caso de que cheguen a ter efecto, "non estariamos nun Estado de Dereito".

Por último, a asociación pide á Secretaría do Estado que procedan á audición e estudo do vídeo do presidente de Ence e actúe en consecuencia sen ceder ás "inadmisibles chantaxes dunha empresa que ten na mentira e as falsas promesas o seu sinal de identidade", conclúen desde a APDR.