A APDR pide á Deputación que garanta a titularidade pública do Pazo de Lourizán

Pontevedra
01 de febreiro 2017

Membros da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR) mantiveron este mércores unha xuntanza co deputado Carlos López Font, na que lle trasladaron os seus temores polo futuro do Pazo de Lourizán a raíz do interese amosado pola empresa ENCE de facerse coas súas instalacións para instalar alí o seu centro de investigación forestal a cambio de asumir o custe da súa rehabilitación

Pazo de Lourizán Juan Mejuto

Membros da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR) mantiveron este mércores unha xuntanza co deputado Carlos López Font, na que lle trasladaron os seus temores polo futuro do Pazo de Lourizán a raíz do interese amosado pola empresa ENCE de facerse coas súas instalacións para instalar alí o seu centro de investigación forestal a cambio de asumir o custe da súa rehabilitación.

Segundo informou o presidente da APDR, Antón Masa, na reunión, "que en todo momento resultou cordial", o colectivo ecoloxista sinalou ao deputado provincial que o centro de I+D de Ence sería "privado e dirixido exclusivamente pola citada empresa, o que supoñería na práctica a privatización dun ben do patrimonio público, dun ben que nos pertence a toda a cidadanía e que desde a APDR non estamos dispostos a perder".

Defensa da Ría expresou tamén a súa "preocupación" pola "falta dunha posición clara e contundente ao respecto" atendendo ás declaracións da presidenta Carmela Silva e do vicepresidente, César Mosquera.

Antón Masa indicou que López Font foi "rotundo" ao sinalar que a Deputación só falará deste tema coa Xunta de Galicia e que "se poñan como se poñan, ENCE non ten nada que dicir ao respecto".

A APDR considera que o deputado provincial amosou unha posición "clara" sobre o convenio asinado no seu día co goberno galego, que remata no ano 2021, e que calquera renovación do citado convenio "no caso de que se xestione co actual equipo de goberno provincial, será exclusivamente coa Xunta", ao seu entender "pechando así calquera posibilidade de que ENCE se faga coas citadas instalacións", din os ecoloxistas.

Finalmente os representantes da APDR solicitaron á Deputación que se lles faga chegar copia do actual convenio e que "de selo caso" na renovación se poñan as cláusulas oportunas para impedir que a titularidade da finca e Pazo de Lourizán sega a ser pública "sen interferencias de ningunha caste por parte de ENCE ou calquera outra empresa".