A APDR opónse ao proxecto do novo emisario submarino da Ría e insiste na eliminación do actual

Pontevedra
30 de xullo 2017

O colectivo ecoloxista tamén agarda que os sectores máis prexudicados pola instalación do emisario, isto é, mariscadores e pescadores, "fagan oír a súa voz neste mesmo sentido", pois lémbralles que "segue en xogo o pan dos seus fillos"

Baliza do emisario submarino na ría Viaqua

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) amosa o seu total rexeitamento ao proxecto de novo emisario submarino que a Xunta de Galicia propón dentro do novo Plan de Saneamento para a Ría de Pontevedra e solicita a eliminación do actual, que utilizan a factoría de Ence e os concellos da Ría que depuran as súas verteduras a través da depuradora de Os Praceres.

O colectivo ecoloxista fixo público este domingo un comunicado polo que tamén esixe a eliminación do tratamento previo e que todas as augas de orixe urbano e industrial que se vertan á Ría de Pontevedra cumpran a lexislación e vaian a parar a unha zona que non afecte á calidade das augas de cultivo e baño.

A APDR tamén agarda que os sectores máis prexudicados pola instalación do emisario, isto é, mariscadores e pescadores, "fagan oír a súa voz neste mesmo sentido", pois lémbralles que "segue en xogo o pan dos seus fillos". 

O colectivo recorda que un representante de Augas de Galicia recoñeceu no Parlamento de Galicia que o emisario non ten o preceptivo permiso de concesión en dominio público, isto é, "recoñécese desde a Xunta de Galicia que o emisario é ilegal".

Ademais, amosa a súa preocupación pola afirmación da Xunta de que "a situación está en proceso de resolverse", pois sinala que, cando se trata de situacións que teñen que ver con algunha das empresas que conforman o complexo industrial de Lourizán, "as solucións pasan pola posta en práctica de decisións pouco democráticas, que as máis das veces non se axustan á legalidade e que sempre ignoran os intereses xerais ou a defensa do medio ambiente en beneficio dos intereses particulares de Ence e Elnosa".

A APDR xa criticou desde un principio este emisario e o punto elixido para a realización do vertido final, nas proximidades da illa de Tambo, mantendo que "non ía solucionar os problemas de contaminación na parte interior da Ría". Agora, no novo proxecto da Xunta contémplase a necesidade de prolongar o emisario augas fóra.