Nun comunicado emitido por Xosé Ríos, vogal da organización en Poio, a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) denúncia reiterados episodios de contaminación e verteduras de fecais que afectan a diversas zonas do municipio.
Os problemas esténdense desde as praias ata o mar, pasando por terra firme, segundo denuncia, e a APDR lamenta a falta de respostas claras e medidas efectivas por parte das autoridades municipais ante as denuncias efectuadas.
Un dos casos máis destacados produciuse en Combarro, onde os veciños tiveron que soportar durante semanas cheiros nauseabundos nas praias do Padrón e da Rúa debido a vertidos incontrolados, indica Ríos.
Tamén se rexistrou un incidente na praia de Lourido, onde se detectaron altos niveis de "Escherichia coli", levando ao Concello a desaconsellar o baño.
A asociación critica a xestión deste último caso, argumentando que deberían terse tomado medidas máis estritas ante a vertedura de fecais.
Xosé Ríos afirma que "non se debera obviar que a presenza desta bacteria non é unha característica exclusiva dos vertidos domiciliarios, e que mesmo nos vertidos da empresa Ence teñen aparecido cantidades alarmantemente elevadas desta bacteria, unha realidade reflectida en moitas das inspecciones realizadas pola Xunta de Galicia nas súas augas residuais".
Recentemente, a APDR tamén observou novas verteduras no porto de Combarro, cuxa orixe e composición aínda se descoñecen.
A organización suxire que o aumento da poboación durante o verán podería ser unha das causas destes problemas e insta ao Concello a adaptar as infraestruturas de saneamento para facer fronte a este incremento estacional.
O colectivo subliña a necesidade dunha reforma integral e un maior control do sistema actual para garantir a saúde pública e a protección do medio ambiente.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
En resposta ás declaracións feitas pola APDR, a concelleira Rocío Cochón cuestionou que a Asociación pola Defensa da Ría "só amose interese polos problemas de saneamento en Poio e non se alerte pola situación en Pontevedra e, ademais, sexa xusto desde hai un ano, casualmente coincidindo co cambio de Goberno neste municipio". Por iso, indica que "están demostrando que esta asociación está a disposición dos intereses dun partido político e non da cidadanía".
"Os problemas de saneamento da ría nin afectan exclusivamente a Poio nin tampouco son de agora. Onde estaban antes? Por que non se pronunciaron nos últimos anos nin se preocupan agora do que está acontencendo en Pontevedra?" dixo Cochón que sinala que "non esperamos que desde a APDR vaian facer unha labor construtiva en Poio, pero polo menos pedímoslle que deixen de desprestixiar a imaxe deste municipio e de prexudicar á veciñanza de Poio".
A concelleira recorda a APDR que no pleno de agosto o Concello de Poio aprobou o convenio con Augas de Galicia para investir máis de 4 millóns de euros no saneamento da Secae do porto de Campelo, "un investimento prioritario para este Goberno, e que é a mellor resposta e a máis efectiva para avanzar no saneamento da ría". O proxecto contempla a construción do novo bombeo e depósito de retención na Seca e mellorar a estación de bombeo de augas residuais do Porto de Campelo e Miradoiro. Ademais, inclúe tamén a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.