A APDR estuda denunciar a Medio Ambiente pola "ocultación de información ambiental"

Pontevedra
15 de outubro 2018

O vicepresidente da APDR, Benito Andrade, sinalou en relación a ENCE que "como queira que son moitas as ocasións nas que a Xunta de Galicia actúa protexendo os intereses da empresa", esta situación "fainos sospeitar que poida que se nos estean ocultando deliberadamente estes datos"

Membros da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) Mónica Patxot

A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) anunciou nun comunicado que estuda denunciar á Consellería de Medio Ambiente pola "ocultación de información ambiental"

Durante anos, dende a concesión da autorización ambiental integrada á empresa ENCE no ano 2008, e ao amparo da lei 27/2006, que regula o dereito de acceso á información, a APDR veu solicitando á Subdirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, información relativa aos vertidos da empresa á ría de Pontevedra; e a administración proporcionou toda a información solicitada e todos os datos dos parámetros analizados, o que permitiu ao colectivo ecoloxista "comprobar que a empresa incumpriu de forma continuada os límites establecidos pola lexislación en materia de vertidos de augas residuais urbanas".

Pero, desde o ano 2016, no que "seguindo indicacións da propia subdirección xeral" solicitaron formalmente que os envíos se fixeran de forma automática cada seis meses, sen necesidade de reiterar as solicitudes, "deixamos de recibir esta información", que debería incluír os resultados das analíticas realizadas pola empresa á saída do seu sistema de depuración, as realizadas pola administración durante as inspeccións á fábrica, "e toda a información que permita coñecer aquelas prácticas que, como a da mestura de augas limpas con augas contaminadas procedentes do sistema de depuración que a empresa asegurou realizar, están prohibidas pola lei".

Así mesmo, a APDR solicitaba información sobre as "medidas adoptadas pola administración para evitar tales prácticas ilegais". Durante este tempo, a solicitaron por escrito, de forma presencial na subdirección xeral, e telefonicamente, "sen conseguir o noso obxectivo".

O vicepresidente da APDR, Benito Andrade, sinalou que "como queira que son moitas as ocasións nas que a Xunta de Galicia actúa protexendo os intereses da empresa", esta situación "fainos sospeitar que poida que se nos estean ocultando deliberadamente estes datos".

Aos membros de Defensa da Ría "non se nos ocorre ningunha outra razón que poida xustificar este obstinado incumprimento da lexislación española e comunitaria".

Diante desta situación, a APDR está a estudar a necesidade de denunciar diante dos tribunais de xustiza a "ilegalidade" na que, "de modo reiterado e continuo no tempo", está a recaer a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con "grave incumprimento da lexislación do estado español e da Unión Europea e que, todo indica, ten por obxectivo evitar a acción civil na defensa do medio ambiente, neste caso contra a contaminación provocada polos vertidos de ENCE".