A APDR e Marea Pontevedra rexeitan a ampliación da depuradora dos Praceres

Pontevedra
24 de maio 2018

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e Marea Pontevedra rexeitan a proposta de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres e solicitan iniciar un proceso de recuperación integral da Ría

EDAR de Os Praceres Viaqua

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e Marea Pontevedra rexeitan a proposta de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres e solicitan iniciar un proceso de recuperación integral da ría.

A APDR amosou o seu rexeitamento á "inaceptable" pretensión da Xunta de Galicia de duplicar a capacidade desta EDAR aumentando a súa superficie nuns 12.000 metros cadrados e á construción dun novo emisario submarino.

Dende a APDR non concordan co xeito no que goberno galego pretende afrontar o saneamento da ría porque, "lonxe de dar solución aos problemas de saneamento, pode agravalos".

Segundo os ecoloxistas a ampliación da EDAR e o aumento do volume de augas residuais a tratar nela "supón insistir nunha liña de actuacións que se teñen probado prexudiciais para o saneamento da ría" e propoñen que se opte por "depuradoras de dimensións menores, que traten un volume menor de augas, e por novas tecnoloxías, máis eficientes e con menores riscos e molestias".

Ademáis, a APDR cre que "non se xustifica a decisión de facer un segundo emisario, destinado a recoller as augas de orixe doméstico que saen da depuradora, mantendo o agora existente para os vertidos procedentes do complexo Ence-Elnosa".

Pola súa banda, Marea Pontevedra vén de presentar unha moción na que insta ao pleno do Concello de Pontevedra a facer público o seu rexeitamento á ampliación da EDAR dos Praceres, "evitando perpetuar un sistema desfasado e ineficaz, que vai en detrimento da calidade de vida da veciñanza e ten un enorme custe ambiental".

A proposta de Marea tamén quere que a corporación municipal inste á Xunta de Goberno local a solicitar da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia o compromiso de reducir a carga que soporta actualmente a estación depuradora dos Praceres, limitándoa ás augas residuais que teñen orixe no termo municipal de Pontevedra.

E finalmente Marea quere que se inste á Xunta de Goberno a solicitar a Costas "que non autorice a ocupación duns terreos que foron lámina de auga para a ampliación mencionada e a iniciar a recuperación do seu estado natural como parte da marisma de Lourizán e como o banco marisqueiro que foi no seu día".

AmpArticleViewer.default.tags