A APDR cualifica de "ridículo" un argumento da Confederación de Empresarios de Galicia para defender a ENCE

Pontevedra
03 de abril 2021

Antón Masa criticou a través dun comunicado que que Vieites "trata de xustificar" a permanencia de Ence en Lourizán co "ridículo argumento" de que "ninguén ten presentado ningún emprazamento concreto para trasladala". O presidente da APDR pregúntase "desde cando hai que buscarlle emprazamento ás empresas cando remata a súa concesión?"

Fábrica de ENCE en Lourizán Mónica Patxot

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) amosou este sábado a súa discrepancia cunhas declaracións realizadas durante os últimos días polo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, en defensa da factoría de Ence en Pontevedra. O presidente do colectivo ecoloxista, Antón Masa, chega a cualificar de "ridículo" un dos argumentos da patronal. 

En concreto, Antón Masa criticou a través dun comunicado que Vieites "trata de xustificar" a permanencia de Ence en Lourizán co "ridículo argumento" de que "ninguén ten presentado ningún emprazamento concreto para trasladala". O presidente da APDR pregúntase "desde cando hai que buscarlle emprazamento ás empresas cando remata a súa concesión?" e engade que "Ence, e só Ence, é quen ten que buscalo, ninguén máis".

Ademais, Masa aproveita para lembrar que Ence ten que abandonar a Ría e, en cumprimento da Lei, recuperar a zona que hoxe ocupa para deixala tal como se atopaba no momento da súa chegada; porque, en palabras da APDR "esa zona pública, por definición e por lei, pertence ao conxunto das galegas e galegos". 

Esta semana a CEG defendeu a continuidade da fábrica de Ence en Pontevedra debido a que "quedou sobradamente acreditado" que a pasteira opera con estritas medidas ambientais e de seguridade e "non incumpriu o título concesional" en relación á contaminación e o impacto sobre o medio ambiente. Ademais, insistiu en que a pasteira "non causa impacto ambiental" e opera "con estritas medidas ambientais e de seguridade".

A patronal galega engadiu que o peche de Ence non soamente supoñería a perda de 800 empregos directos en Pontevedra, aos que habería que sumar 2.700 postos de traballo de contratistas da área industrial, loxístico e do transporte, e 2.100 empregos máis do sector forestal de toda Galicia, senón que tamén se perderían parte dos compromisos de investimento da pasteira, cuxo Plan Estratéxico 2019-2023 contempla un gasto de 350 millóns de euros, o que supón emprego e actividade económica durante este período non só para a provincia senón para toda Galicia. 

A CEG indicou que, tendo en conta que estamos a atravesar unha pandemia que, ademais da crise sanitaria, está a conlevar unha crise económica sen precedentes a nivel mundial, é preciso "avogar por unha política industrial e de implementación de políticas públicas" co obxectivo de incrementar o peso do tecido industrial sobre o PIB industrial. Neste contexto, "non se entendería un final diferente para a biofábrica que o da posibilidade de confirmar canto antes a súa permanencia e continuidade na Ría de Pontevedra". 

A APDR enmarca estas declaracións nunha campaña de Ence, a Xunta de Galicia e o PP "para tratar de conseguir que Ence permaneza na Ría saltándose a legalidade", unha campaña da que sinalan que está "orquestrada arredor da falacia de que a Administración do Estado elaborou o proxecto de Lei de Cambio Climático co obxectivo último de sacar Ence da Ría".

Unha das declaracións do presidente da CEG que cuestiona a APDR sinalaban que "lamenta que Ence se vaya por motivos ideológicos y no técnicos". Fronte a estas afirmacións, Antón Masa argumenta incumprimentos da lexislación sobre a DQO (Demanda Química de Osíxeno) "constantes" ata o ano 2017 e "esporádicas" ata 2019.

Ademais, Masa engade que, con independencia do comportamento ambiental de Ence, ou do número de empregos que crea e que destrúe, o que está hoxe en cuestión é se Ence pode continuar ou non en Lourizán, algo que lembra que tamén ten que ver co cumprimento da Lei, non cos 'motivos ideolóxicos' aos que Vieites alude para apoiar a súa permanencia. "Que os leva a pensar que Ence non ten porque cumprir a lexislación de Costas?", pregunta Masa.