A ampliación do Campiño e a reactivación de Fragamoreira, prioridade do BNG se goberna na Xunta

Pontevedra
28 de xaneiro 2024

A ampliación do polígono do Campiño e a reactivación de Fragamoreira serán unha realidade nos tres primeiros meses do BNG na Xunta, asegurou este domingo o cabeza de lista por Pontevedra, Luis Bará, nunha visita ao parque industrial

Visita de representantes do BNG ao parque empresarial do Campiño Bloque Nacionalista Galego (BNG)

Converter en realidade, nos tres primeiros meses de goberno, a posta en marcha da ampliagión do polígono industrial do Campiño, en Pontevedra, e a reactivación do de Fragamoreira en Poio. É o compromiso lanzado este domingo polo BNG se logra acceder ao goberno autonómico tras as eleccións do próximo 18 de febreiro.

Así o asegurou nunha visita ao parque empresarial pontevedrés o cabeza de lista nacionalista pola provincia, Luís Bará, defendendo que se trata de "unha aposta decida do BNG en favor de Pontevedra fronte aos atrancos e a parálise do Partido Popular, que foi incapaz de desenvolver estes dous parques que figuran como estratéxicos e prioritarios, xa que a día de hoxe aínda non está iniciada a tramitación", asegurou.

"Activaremos o Campiño en colaboración co Concello de Pontevedra para poñer no mercado 400.000 metros cadrados, dos que 206.000 serán terreos edificables. Farémolo coa máxima axilidade aproveitando a existencia na zona de servizos de auga e tecnolóxicos e tamén a futura comunicación coa A57, a AP9 e co polígono de Barro", explicou o candidato do Bloque Nacionalista Galego.

Entre ambas as actuacións, no Campiño e Fragamoreira, poderíanse poñer ao dispor das empresas 800.000 metros cadrados que permitirían aliviar a situación de "estrangulamento" de chan industrial que sofre a a área de Pontevedra.

Bará criticou que a ampliación do Campiño é un proxecto paralizado polo Partido Popular na Xunta desde hai "demasiado tempo", mentres que no caso de Fragamoreira denuncia que só se empezou a falar del desde que se fixeron coa alcaldía de Poio.

"Levamos máis de 15 anos pedindo a execución da ampliación do Campiño cara a Pontevedra, que está recollida nos instrumentos de ordenación territorial que o Concello ten no planeamento e que botou abaixo a Xunta de Galicia reiteradamente. Tiveron que recoñecer que amplialo era estratéxico e tiña que estar executado xa. Pedímosllo expresamente ao presidente e non temos nin contestación oficial. É un desleixo absoluto", sinalou pola súa banda o alcalde da Boa Vila, #Miguel Anxo Fernández Lores, presente tamén na visita ao parque industrial.

Arquivado en