A 'améndoa central' de Pontevedra convértese en 'zona 10' esta mesma semana

Pontevedra
22 de outubro 2019

En apenas 48 horas, se se cumpren as previsións do goberno municipal, ningún tipo de vehículo -bicicletas e patinetes incluídos- poderá circular a máis de 10 quilómetros por hora nas zonas de convivencia da cidade nas que haxa plataforma única

Demetrio Gómez coa nova sinalización da 'zona 10' PontevedraViva

En apenas 48 horas, se se cumpren as previsións do goberno municipal, ningún tipo de vehículo -bicicletas e patinetes incluídos- poderá circular a máis de 10 quilómetros por hora nas zonas de convivencia da cidade nas que haxa plataforma única.

Operarios municipais colocarán durante as dúas próximas noites ata trece sinales verticais que informan desta nova limitación. Estarán situadas nas entradas e saídas do que o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, cualificou como a 'améndoa central' de Pontevedra.

Así, a partir do próximo xoves todo o centro histórico de Pontevedra e as rúas do ensanche que o rodean pasarán a ser 'zona 10'. É dicir, ademais da zona vella, esta medida afectará a todas as súas rúas perimetrais: Arcebispo Malvar, Praza de España, Michelena, Riestra, Gutiérrez Mellado, Praza da Peregrina e o primeiro tramo de Benito Corbal.

Ademais, a esta área sumaranse dúas rúas recentemente renovadas e que forman parte do itinerario do Camiño Portugués na cidade, o Gorgullón e Virxe do Camiño.

En todas elas, ademais, mantense o horario limitado de carga e descarga, fixado entre as 8.00 e as 12.00 horas e as 16.00 e as 18.00 horas.

Esta medida poderá implantarse sen necesidade de aprobar unha nova normativa ou da publicación dun bando asinado polo alcalde.

Demetrio Gómez indicou que esta iniciativa comezará a aplicarse nesta zona da cidade para estudar o seu funcionamento.

Por agora, quedan fóra desta 'zona 10' outras rúas que teñen plataforma única e onde conviven peóns e vehículos como o tramo de Benito Corbal entre Cobián Roffignac e Sagasta, Cruz Gallástegui, Daniel de la Sota ou a futura Lepanto, así como Ferreiros, Concepción Arenal, a Rúa Nova de Arriba e a Rúa Nova de Abaixo.

O obxectivo desta limitación de velocidade, lembrou o edil do BNG, é aumentar a seguridade viaria neste ámbito urbano e incrementar a "sensación de seguridade" de todos os usuarios destas rúas.