O programa "A Vida é Movernos", impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, organiza uns talleres de Percuterapia que se desenvolverán na Alameda (na Casa Azul en caso de choiva) nas tardes dos venres 29 de outubro e 5 de novembro.
A actividade será impartida polo músico, terapeuta e percusionista Pedro Campos, experto en intelixencia emocional, en horario de 18:00 a 19:30 horas e para grupos de entre 15 e 20 persoas. Todos aqueles interesados en inscribirse poderán facelo completamente de balde (ata completar o tope de prazas) no email camposacostapedro@yahoo.es.
O concelleiro socialista Tino Fernández asegurou que esta actividade "axuda a mellorar as relacións persoais, aliviando as tensións e creando un adecuado balance físico e emocional e permite traballar o rendemento e o potencial individual e de grupo, buscando xerar un compromiso común e fomentando as capacidades existentes".
O concelleiro animou á xente a inscribirse "nuns talleres que sen dúbida van axudarnos a avanzar no noso propio coñecemento e na conquista de espazos de lecer e de bo humor".
Segundo constatou Pedro Campos, a percusión é unha ferramenta que elimina barreiras psicolóxicas, sociais e culturais, porque "la percusión aumenta las ondas cerebrales alfa asociadas a sensaciones de bienestar y euforia". Ao seu xeito de entender, a percuterapia, como linguaxe artístico, é un fenómeno cultural, social e á vez comunicacional, que debe ser concibido como unha ferramenta e estratexia pedagóxica e didáctica ao servizo do desenvolvemento integral de todas as persoas.