O Centro Penitenciario da Lama acolleu este luns a visita da refuxiada afgá Nadia Ghulam. Da man da fundación Esplai, a activista polos dereitos humanos e pola cultura da paz narrou ás internas e internos da prisión pontevedresa a súa experiencia persoal de superación e liberación.
Nadia Ghulam, que agora reside en Cataluña, contou os seus 21 anos de supervivencia nun país en guerra, Afganistán. Alí sufriu violencia e exclusión social por ser muller.
Na súa intervención, lembrou como con oito anos na súa casa caeu unha bomba na súa habitación e permaneceu dous meses en coma e outros dous anos de recuperación en varios hospitais. Cando saíu do hospital, os talibáns xa ocuparan o poder. Deuse conta de que as mulleres non podían traballar nin vivir libremente, polo que optou por vestirse coa roupa do seu irmán, morto na guerra, para poder seguir educándose e vivindo como un home.
Con 21 anos chegou a España para o tratamento médico das súas feridas. "Cando cheguei suspendín toda a educación a pesar de chegar co bacharelato aprobado en Afganistán. Seguín sen poñerme límites e puiden superar o curso superior de integración social", explicaba Nadia Ghulam.
Con estes encontros, engadía, "espero axudar ás persoas que poidan atoparse, como eu o estiven, en momentos escuros. Que escoiten e vexan que, se eu puiden superar esas situacións difíciles, eles tamén poden".
A activista afgá escribiu varios libros onde narra a súa historia persoal e fundou a asociación Ponts per la Pau, coa que axuda a nenas e nenos de Cabul para que poidan ter unha oportunidade na vida a través do ensino e a educación.
Ao redor de 140 internos e internas do módulo mixto de respecto, a unidade terapéutica mixta e o módulo Nelson Mandela participaron no encontro.
Na charla tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o presidente da Fundación Esplai, Enrique Arnanz, e a directora do Centro Penitenciario da Lama, Teresa Delgado.